publicidade hoxe

Modifícanse as condicións na renovación da cesión da Milagrosa como Centro Xerontolóxico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña renova a cesión da xestión da Milagrosa á Asociación Provincial de Pensionistas e Xubilados como Centro Xerontolóxico até 2032 cunha modificación de condicións para colocar o centro como recurso do sistema público, ofertando prazas concertadas coa Xunta.

A Asociación Provincial de Pensionistas e Xubilados continuará xestionando as instalacións da Milagrosa como Centro Xerontolóxico até 2032 despois de que a Deputación da Coruña aprobase a súa renovación por outros quince anos. A renovación inclúe a modificación das condicións de cesión ao incluír a oferta de prazas concertadas coa Xunta para situar o centro como recurso do sistema público.

O deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto e a presidenta da Asociación Provincial de Pensionistas e Xubilados, Mª Luísa Ansonera Ortega, asinaron o acordo de cesión polo que a entidade renovará até o ano 2032 a xestión do centro da Milagrosa, neste caso, coa actualización das superficies cedidas, superiores ás do convenio de 2002 xa que se realizaron posteriores adiccións.

Outra das máis relevantes novidades na renovación do convenio foi a condición incorporada pola Deputación da Coruña de reserva de 2 prazas na residencia e non menos de 6 no Centro de Día. “Optamos pola renovación da cesión da xestión mais intensificando a súa condición de servizo social público coa reserva de prazas que se porán a disposición de persoas que o necesiten con criterios obxectivos a través dos baremos existentes”, explica o deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto. As prazas no centro de día serán ofertadas aos concellos e as de residencia cedidas á Deputación serán xestionadas mediante concertos coa Xunta.

Ademais, créase unha comisión de seguimento como fórmula para unha maior participación da Deputación da Coruña -titular das instalacións- en cuestións relacionadas coa demanda e as listas de admisión, participando nas comisións de valoración de solicitudes de ingreso.

O Complexo Xerontolóxico A Milagrosa conta con 64 prazas de residencia e 70 no centro de día que empregan persoas con enfermidade de Alzheimer e outras demencias senís. O 27 de abril finaliza o prazo de cesión de uso inicial por parte da Asociación Provincial de Pensionistas e Xubilados que renova co novo convenio até o 26 de abril de 2032.

10 de abril de 2017 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.