publicidade hoxe

Miranda gaba en Cuba o papel da Federación de Sociedades Galegas e dos coordinadores nas provincias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Antonio Rodríguez Miranda en Cuba

Antonio Rodríguez Miranda en Cuba

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, comezou a súa viaxe ao interior da illa de Cuba cun encontro coas galegas e galegos de Villa Clara. Nesta localidade atópase unha ampla colectividade formada -como no resto da illa- por segundas xeracións nadas xa na diáspora pero que manteñen, ademais da nacionalidade, fortes e activos vínculos coa terra de orixes dos seus pais e avós.

Na capital desa provincia, Santa Clara, Miranda puxo de relevo o feito de que esas segundas xeracións “son unha oportunidade para Galicia” xa que “espallan a súa imaxe por todo o mundo e supoñen unha importante ocasión de crecemento futuro, tanto en termos de poboación como de proxección económica en toda América e Europa”.

O acto, ao que asistiron máis de 200 persoas, tivo lugar na emblemática Biblioteca José Martí, antiga sede do goberno da Provincia de Las Villas. Membros da orquestra sinfónica da cidade saudaron a presenza da autoridade autonómica galega. Neste contexto, interviu tamén o profesor Daniel Bulgado para explicar o proxecto de colaboración Caminos de ida y vuelta, no que participan Galicia, Arxentina e Cuba. En concreto, pola parte cubana, colabora o instituto de Santa Clara, e, pola galega, o IES Luís Seoane de Pontevedra.

O escritor galego Heriberto González Reyes tamén presentou o seu libro En honor a mi pueblo -no que describe a vila de Sagua la Grande, fundada por un galego-. Finalmente, falou o responsable autonómico de Emigración, a quen despois os asistentes puideron trasladarlle as súas dúbidas e problemáticas.

Labor fundamental

Miranda mantivera antes unha reunión específica co coordinador na provincia da Federación de Sociedades Galegas en Cuba, Augusto Blanco, que é ademais vicecónsul honorario de España. Blanco colabora activamente para facer chegar a todas as persoas galegas información sobre os prazos e os requisitos das axudas económicas individuais que concede a Secretaría Xeral da Emigración.

Miranda enxalzou de maneira destacada o traballo desas persoas: “Sen o seu concurso, de nada servirían os recursos que a Xunta pon ao dispor das e dos galegos en situación máis precaria, sen eles non poderiamos chegar aos paisanos que nos necesitan, a inmensa maioría dunha moi avanzada idade”.

Este labor de vehículo de información e canle para o procesamento dos expedientes de solicitude realízase coordinado pola Federación de Sociedades Galegas de Cuba, entidade nada do acordo entre as comunidades galegas asentadas na illa e que alí mantén viva -malia as peculiares circunstancias vividas nas últimas décadas- a chama da Galeguidade.

Beneficiáronse das axudas individuais da Secretaría Xeral da Emigración, na convocatoria de 2016, un total de 7101 persoas en Cuba. A media de idade dos beneficiarios é de 77 anos, e a contía media ronda os 210 euros. Cómpre lembrar que se trata dun pago único anual, asignado a cada beneficiario cun expediente individualizado, e en función do cumprimento dos requisitos establecidos na convocatoria.

“Esta pequena cantidade, desde o punto de vista da Galicia territorial adquire unha alta relevancia nas familias receptoras, axudándoas de maneira significativa e aumentando a calidade de vida dos nosos maiores en Cuba, e de toda a súa contorna familiar”, segundo destacou Rodríguez Miranda.

26 de abril de 2017 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.