publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Rural reafirma o seu apoio á promoción do sector vitivinícola galego en xeral e de Cambados como Cidade Europea do Viño 2017

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reafirmou hoxe o apoio da Xunta á promoción de Cambados como Cidade Europea do Viño 2017 e, en xeral, dos viños galegos, partindo da súa “indiscutible calidade e a súa vinculación co territorio”.

Vázquez lembrou que a Consellería está a poñer en valor esta distinción de Cambados nas diferentes feiras e eventos sectoriais, tanto directamente como a través do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. Esta promoción enmárcase nas iniciativas de divulgación dos viños galegos nos diferentes mercados nacionais e internacionais.

A titular de Medio Rural asistiu en Madrid á presentación de “Cambados Cidade Europea do Viño 2017”, que tivo lugar no Túnel do Viño no marco do Salón Gourmets. Alí, Ángeles Vázquez salientou que desde o primeiro momento o Goberno galego apoiou este recoñecemento á vila de Cambados, que definiu como “punto de referencia da cultura vitivinícola”. Algo que, engadiu, ponse de manifesto con fitos como a festa do Albariño ou polo propio patrimonio histórico e artístico que atesoura esta localidade do Salnés.

A conselleira incidiu no papel protagonista dos viños dentro da despensa galega e en particular dos de Rías Baixas, que son, dixo, “os que teñen unha maior proxección internacional”. Neste mesmo sentido, Ángeles Vázquez situou os “magníficos datos de exportacións desta denominación de orixe nos últimos anos e o seu crecemento exponencial en canto a penetración nos diferentes mercados”, aseverou.

25 de abril de 2017 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.