publicidade hoxe

Marisol Díaz incide na educación viaria como elemento clave para previr accidentes de tráfico en escolares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Marisol Díaz na xornada de educación vial para escolares

Marisol Díaz na xornada de educación vial para escolares

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, destacou hoxe a importancia da sensibilización e a educación viaria como elementos claves para previr accidentes de tráfico sobre todo entre os máis pequenos. Con este obxectivo celébrase durante dous días, hoxe e mañá, a ‘Xornada de Educación Vial e de Protección Civil’ no colexio María Auxiliadora-Salesianos da cidade das Burgas na que participarán os 225 alumnos de educación infantil de idades comprendidas entre os 3 e 5 anos.

Díaz Mouteira, acompañada polo xefe territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Manuel Pardo, e pola xefa territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Luz Fernández, acudiu ao centro educativo e na apertura da xornada transmitiulles aos escolares a importancia que teñen as emerxencias relacionadas cos accidentes de tráfico e a necesidade de poñer todas as medidas posibles para a súa prevención.

A delegada territorial explicou que o obxectivo deste tipo de xornadas é “que os máis pequenos adquiran coñecementos sobre o que é unha vía pública, os riscos que ten e a forma de comportarse na mesma para garantir a súa seguridade”. Por isto durante esta acción formativa analizáronse principios prácticos de seguridade viaria, como son as normas de circulación ou os sinais de tráfico, e tamén se realizaron actividades didácticas nun circuíto instalado no polideportivo, así como unha exposición de vehículos de bombeiros, protección civil e garda civil. “Así conseguiremos que os máis pequenos teñan unha mobilidade moito máis sostible e destreza no seu comportamento como peóns ou futuros condutores”, indicou Marisol Díaz. Con este fin, esta xornada contou coa presenza e colaboración de voluntarios de Protección Civil da AVPC de Ourense e patrullas da Garda Civil da Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense.

Implicación de todas as administracións

A educación viaria é un ámbito que debe contar coa implicación de todas as administracións para acadar unha sensibilización social así como comportamentos viarios que fomenten a convivencia, a tolerancia a solidariedade, o respecto, a responsabilidade nas relacións humanas na vía pública.

A xornada celebrada nos Salesianos encádrase nun ciclo organizado conxuntamente polo servizo de Emerxencias da Xefatura Territorial da Consellería de Presidencia e o servizo de formación da Xefatura provincial de Tráfico, que ao longo deste curso académico celebrará un total de 23 accións formativas noutros tantos centros educativos da provincia. Cortegada, Castrelo de Miño, Vilar de Barrio, O Carballiño, Coles, A Gudiña, Castro Caldelas, Manzaneda, O Bolo. Amoeiro, Lobios, Avión, O Pereiro de Aguiar, Os Blancos, Baños de Molgas, Nogueira de Ramuín e o da capital son os concellos que acollen estas xornadas que pretenden inculcar, dende idades temperás, os principios e comportamentos viarios axeitados.

20 de abril de 2017 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.