publicidade hoxe

María José Cortés Canay preséntase como nova xerente executiva do Hospital da Costa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaLocal Portada
A-
A+
Presentación de María José Cortés Canay

Presentación de María José Cortés Canay

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presentou aos profesionais a María José Cortés Canay, quen asume o cargo de xerente executiva do Hospital da Costa da provincia en substitución de Carmen Durán Parrondo. No acto estivo acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, e diversos cargos do Sergas da provincia de Lugo.

A nova xerente executiva da área norte da provincia, María José Cortés Canay, é licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, especialista en Medicina Familiar e Comunitaria e máster en urxencias hospitalarias. Iniciou a súa carreira profesional como médico de familia na Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Santiago de Compostela e, posteriormente, ocupou distintas prazas como facultativo en servizos de urxencias hospitalarios e extrahospitalarios. Tamén impartiu docencia universitaria, como titora de alumnos en prácticas da Facultade de Medicina e Cirurxía da Universidade de Santiago de Compostela, e a súa labor investigadora levouna a publicar diferentes artigos en revistas especializadas, así como en libros. Dende o ano 2015 exercía como subdirectora médica da Xerencia Executiva da área sanitaria de Cervo.

Cortés Canay contará co apoio de Eva María López Roca, que se converte á súa vez na nova subdirectora médica da área sanitaria. Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e especialista en Medicina Familiar e Comunitaria. A súa experiencia profesional no Sergas iniciouna no ano 2002 como especialista en medicina familiar e comunitaria en distintos centros de saúde da EOXI de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos e, posteriormente, comezou a traballar como médico no Servizo de Urxencias do Hospital da Costa. Ao tempo, impartiu docencia universitaria, como titora de alumnos que acudían a formarse ao Hospital da Costa na especialidade de urxencias hospitalarias. Dende outubro de 2016 ata a actualidade foi a responsable do Servizo de Urxencias do Hospital da Costa de Burela

Este nomeamento enmárcase no proceso de renovación que o Sergas está a levar a cabo nalgunhas das súas Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXIs) coa fin de adaptalas aos novos retos que a sanidade pública galega ten por diante nos próximos anos.

O obxectivo é impulsar a innovación na xestión e a capacidade de adaptación do sistema público ás novas necesidades da sociedade, para afrontar retos como a integración da Atención Primaria e a Atención Hospitalaria; a implantación dun novo modelo de Atención Primaria máis proactivo, resolutivo e próximo á cidadanía; o impulso á mellora continua dos centros hospitalarios; a aposta por novas vías rápidas; e a xestión dos pacientes crónicos e pluripatolóxicos.

18 de abril de 2017 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.