publicidade hoxe

Máis de 500 deportistas participarán no campionato galego de piragüismo en Barra de Miño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaColesDeportesDeportes PortadaOurense
A-
A+
Presentación do Campionato Galego de Piragüismo

Presentación do Campionato Galego de Piragüismo

O Campionato galego de Inverno de Embarcacións de Equipo chega o vindeiro sábado, 29 de abril, a Barra de Miño (Coles), para barcos de equipo (K-2 e C-2), cunha participación de máis de 500 piragüistas procedentes de 34 clubs. A presentación deste evento deportivo tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Jose Alfredo Bea; o alcalde do Concello de Coles, Manuel Rodríguez; e o presidente de piragüismo fluvial de Allariz, José Manuel Fernández.

A Deputación de Ourense colabora con esta proba “que pon en valor o noso territorio” e que resulta unha oportunidade “para dar a coñecer as potencialidades turísticas da nosa provincia”, explicou Juan Anta.

O campionato, que comezará ás 10.00 horas, será puntuable para as distintas ligas galegas das categorías de Veterano, Senior, Junior e Cadete, masculinas e femininas. O presidente da Federación Galega de Piragüismo destacou a idoneidade das augas do río Miño ao seu paso por Ourense para acoller probas desta disciplina deportiva, “ao ofrecer unha corrente tranquila que semella un lago artificial”. Jose Alfredo Bea agradeceu á Deputación de Ourense “a súa aposta polo noso deporte na provincia de Ourense”.

En canto aos participantes, o presidente da Federación Galega de Piragüismo salientou “o gran nivel dos deportistas” e lembrou que o piragüismo ” é o deporte rei en Galicia, posto que, das 16 medallas olímpicas que ten o deporte galego, 10 delas proceden do piragüismo”.

Pola súa parte, o alcalde de Coles incidiu na importancia de acoller eventos desta magnitude “que potencian ao noso concello e tamén a toda a provincia de Ourense”.

27 de abril de 2017 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.