publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Máis de 200 escolares celebran o Día da Auga, da Árbore e da Poesía na Insua dos Poetas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe a canda máis de 200 escolares de oito centros educativos da contorna na celebración do Día da Árbore, da Auga e da Poesía que se desenvolveu na Insua dos Poetas, na Esgueva, Madarnás.

Valentín García mostrouse satisfeito de participar a canda tantos mozos e mozas nunha celebración “da ecoloxía en xeral e de ecoloxía lingüística en particular, de respecto á natureza e á palabra”, así como de constatar “que a lingua galega é un medio que para” os mozos da comarca do Carballiño “resulta natural, pois ben se ve que vos desenvolvedes con soltura no idioma propio de Galicia”. Unha circunstancia que, segundo o secretario xeral, “só pode significar vida para a nosa lingua”.

A canda o secretario xeral de Política Lingüística interviñeron no acto o alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega Piñeiro; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luis Fernández Fernández, e o presidente da Fundación Insua dos Poetas e do PEN Galicia, Luis González Tosar.

Agromar da vida e da palabra

A Fundación Insua dos Poetas celebra desde hai oito anos o Día da Auga, da Árbore e da Poesía en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación, co Concello do Carballiño e coa Deputación de Ourense. Habitualmente estas xornadas conmemóranse, de acordo co calendario proposto pola UNESCO, o 21 e 22 de marzo, mais desta volta houbo que adialas ata hoxe por mor do mal tempo.

Oito centros educativos da comarca do Carballliño, comandados polo IES Manuel Chamoso Lamas -que este curso se encarga da organización do evento- participan este 2017 nos actos conmemorativos que se desenvolven na Esgueva dende as once da mañá. O alumnado convértese en protagonista dunha celebración que leva tempo preparando e na que haberá representacións dramatizadas, lectura de poemas, interpretacións musicais e unha plantación de árbores autóctonas.

Cada centro educativo elixiu unha árbore diferente sobre a que previamente estivo investigando. O CEIP de Beariz, un buxo; o CEIP Nosa Señora de Xuvencos, de Boborás, un salgueiro; o CPI Virxe da Saleta, de San Cristovo de Cea, unha sobreira; o CEIP Virxe da Pena da Sela, do Irixo, unha cerdeira; o IES Manuel Chamoso Lamas, o IES nº 1, o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón e o CPR Plurilingüe Vila do Arenteiro, todos do Carballiño, un carballo, un érbedo, un amieiro e un loureiro, respectivamente. Con esta plantación queren simbolizar o agromar da vida e da palabra.

24 de abril de 2017 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.