publicidade hoxe

Licítanse as obras de reforzo de firme na estrada LU-633 ao seu paso por Triacastela e Pedrafita

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoPedrafita do CebreiroTriacastela
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, deu conta esta mañá da licitación, por un importe de 640.000 euros, das obras de reforzo de firme na estrada LU-633, ao seu paso polos concellos de Triacastela e Pedrafita.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) prevé mellorar un tramo desta vía emprazado entre os puntos quilométricos 13+500 e 26+400. En concreto os primeiros 4,1 Km correspondentes ao termo municipal de Pedrafita e 8,8 km adicionais no municipio de Triacastela. Unha vez licitadas as obras o prazo de execución das obras previsto é de seis (6) meses.

A actuación consistirá na reparación do firme nos puntos nos que presenta deformacións, o que permitirán prolongar a vida útil do pavimento, mediante fresados e reposicións localizadas.

O delegado territorial, que estivo acompañado da alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias e do alcalde de Pedrafita, Jose Luis Raposo, ademais de técnicos da Consellería, significou a importancia do punto obxecto de mellora xa que coincide en parte co itinerario do Camiño de Santiago, punto de paso habitual frecuentado por peregrinos e turistas que se achegan a Galicia.

Plan de Reforzos de Firme

Balseiro dixo tamén que o Goberno galego continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

A Consellería de Infraestruturas está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias.

3 de abril de 2017 | 20:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.