publicidade hoxe

Finalizan as obras de acondicionamento na intersección que dá acceso á Mancomunidade do Ribeiro, en Beade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBeade
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, supervisou hoxe as obras de acondicionamento executadas na intersección que dá acceso á Mancomunidade Ribeiro-Beade, na estrada OU-504, concretamente, no punto quilométrico 5+690. Os traballos contaron cun orzamento de máis de 150.000 euros e tiveron un un prazo de execución de 4 meses.

O obxectivo destas actuacións, adxudicadas á empresa Misturas Obras e Proxectos, S.A., foi a mellora da intersección, situada en Beade, unha vía pola que se accede ao punto limpo e á planta de transferencia.

Este proxecto atende a unha solicitude realizada polos veciños da zona e os membros da Mancomunidade do Ribeiro, que reclamaban que se incrementase a seguridade nesta zona que soporta unha cantidade importante de vehículos.

Os traballos consistiron na execución dun carril central de espera e unha semiglorieta para facilitar o cambio de sentido. A estrada conta con viais de servizo polo que o dominio público foi suficiente para a realización das obras e non foi necesario realizar expropiacións.

A visita contou coa presenza da maioría dos alcaldes dos concellos pertencentes a esta Mancomunidade, da xefa territorial de Infraestruturas e Vivenda, Alicia López, e de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

A delegada territorial explicou que estas actuacións forman parte do Plan de reforzos de firme, no que o Goberno galego continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da AXI, está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias.

28 de abril de 2017 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.