publicidade hoxe

“Degusta Europa, a gastronomía do camiño” comenza en Vigo a súa andaina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o deputado de Cooperación, David Regades, inauguraron hoxe no mercado do Progreso en Vigo a campaña “Degusta Europa, a gastronomía do camiño”.

Carmela Silva subliñou que con esta campaña pretendese visibilizar o produto extraordinario da mar e da terra que temos, poñer en valor os mercados tradicionais nas principais cidades do camiño portugués a Santiago e enmarcalo todo na celebración o próximo día nove de maio do Día de Europa “nesta Europea democrática e de valores na que vivimos”.

Silva recordou que a promoción das distintas rutas dos camiños xacobeos comezaron en FITUR co camiño pola costa, “onde a cidade de Vigo é cita obrigada de paso e con esta campaña queremos invitar a todos os nosos visitantes a acercarse aos nosos mercados para coñecer os nosos produtos de proximidade e deixarse aconsellar polos profesionais”.

Nesta ocasión, ao igual que aconteceu o ano pasado, a campaña comeza no mercado do Progreso de Vigo, “un dos mellores mercados de toda Galicia”, apuntou Silva e conta coa participación do alumnado do CIFP Manuel Antonio de Vigo, encargados da elaboración dos produtos e do seu servizo. “Contamos cun dos mellores centros de formación profesional –sinalou a Presidenta- que forma profesionais para o sector turístico que nos permitirá acadar ese nivel de excelencia que fará que aqueles que nos visitan podan repetir”.

Hoxe no mercado do Progreso, os alumnos e alumnas do Manuel Antonio, prepararon diante dos visitantes, buñuelos de bacallau con crema de cabazo, anguías de Pontesampaio en tempura, arroz cremoso de chocos de Redondela, rabo de tenreira estufado ao viño de Oporto en pan de chapata e natas de Belem.

Na edición do ano pasado o alumnado do Manuel Antonio adoptou pratos inspirados en Europa, pero nesta ocasión o fío condutor da edición deste ano son os Camiños Xacobeos que percorren a nosa provincia fusionada coa cociña de mercado. Deste xeito, enmarcase a campaña “Degusta Europa” nunha das liñas principais de actuación da estratexia do destino Rías Baixas para a promoción deste ano, que esta centrada nos Festivais Rías Baixas, o enoturismo con Cambados Cidade Europea do Viño como protagonista, a calidade e os Camiños de Santiago.

As próximas citas do “Degusta Europa” son en Tui, o xoves 27 de abril de 12 a 13 horas (tamén co mesmo menú preparado polo centro Manuel Antonio); Baiona, o mércores 3 de maio de 11 a 12 (co menú do Manuel Antonio); Pontevedra, o venres 5 de maio de 11 a 12 (menú polo Carlos Oroza); O Grove, xoves 11 de maio de 11 a 12 (menú polo Carlos Oroza); e Soutomaior, venres 12 de maio de 12 a 13 (tamén con menú feito polo Carlos Oroza).

26 de abril de 2017 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.