publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cores Tourís comproba os traballos de recuperación do bosque de ribeira do río Tea en Covelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCovelo
A-
A+
Cores Tourís visita os traballos de recuperación do bosque de ribeira do río Tea

Cores Tourís visita os traballos de recuperación do bosque de ribeira do río Tea

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Covelo para comprobar, en compaña do alcalde da localidade, Pablo Castillo, as traballos de recuperación do bosque de ribeira do río Tea.

Na visita estiveron acompañados polo xefe territorial de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, José Manuel González.

Deste xeito, Cores Tourís asegurou que o municipio continuou así a levar a cabo melloras de acondicionamento do sendeiro que transita polo río Tea para o que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aportou unha axuda global de case 20.000 euros, dentro das axudas destinadas a concellos da Rede Natura. O concello de Covelo aportou o 21% correspondente ao IVA da obra, co que o investimento global roldou os 24.200 euros.

En relación a este proxecto, tratouse de accións dirixidas á recuperación do bosque de ribeira e o fomento do uso público na zona do sendeiro do río Tea. Deste xeito, leváronse a cabo medidas de erradicación da vexetación invasora ao paso do río pola parroquia de Maceira, así como a substitución de arborado de ribeira afectado, plantándose 120 árbores (60 bidueiros, 30 pradairos e 30 freixas) e podando as partes secas e enfermas dos carballos da zona.

Ademais, tamén se restauraron superficies degradadas pola erosión hídrica e polas zonas de concentración de uso público, instalándose tamén un panel interpretativo e recuperándose as superficies degradadas pola erosión con aporte de restos de triturado e area ou terra vexetal e sementeira de herbáceas.

Por outra banda, tamén rehabilitáronse elementos tradicionais de valor patrimonial como a Ponte do Alén nas carballeiras de San Xoán de Mosteiro, paso obrigado para a peregrinación local da Fonte Santa, e levouse a cabo a mellora dos accesos aos predios relacionados cos espazos naturais.

Deste xeito, “cabe destacar a colaboración da administración autonómica cos concellos con Rede Natura ven a ratificar o compromiso do Goberno galego coa conservación, coa protección e coa mellora dos parques naturais en Galicia e, en concreto, na provincia de Pontevedra, onde se beneficiaron 10 concellos cunha axuda global de 200.000 euros”.

Segundo explicou, estas subvencións destinaranse a tarefas de mellora da paisaxe, como a limpeza, restauración e sinalización de camiños e espazos recreativos; a manter as condicións ambientais e favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; e a recuperar ou restaurar elementos históricos patrimoniais, como hórreos, milladoiros, fontes cabanas ou valos.

“O obxectivo da Consellería de Medio Ambiente é dar resposta a estes obxectivos fomentando e aumentando o papel dos concellos á hora de levar a cabo este tipo de accións, na súa calidade de entidades xestoras de terras”, engadiu Cores Tourís, quen matizou que “estas actuacións están dirixidas”, asegurou Cores Tourís, “a contribuír a biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural garantindo a compatibilidade cos valores naturais que compre protexer en cada zona e o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia”.

Cores Tourís destacou que dende a administración autonómica continuarase a perseverar no coidado da natureza. “Queremos aproveitar tamén o atractivo económico e turístico que hai detrás da conservación da natureza. Esta é a nosa meta, ordenar e mellorar o noso entorno”.

10 de abril de 2017 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.