Controlado o incendio de Melón
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 09:30 horas de hoxe.
Controlado Melón-Quins
Desde as 22:49 horas de onte está controlado o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Melón, parroquia de Quins. O lume iniciouse ás 16:30 horas e segundo as últimas estimacións a superficie afectada é dunhas 20 hectáreas. No seu control traballaron 4 axentes, 11 brigadas, 4 motobombas e 4 helicópteros. Este incendio foi provocado pola combustión dun turismo que ardeu no quilómetro 259 da autovía A-52 (dirección Vigo). O lume neste vehículo extendeuse polo monte anexo á autovía.
Extinguido Vilariño de Conso-Chaguazoso
Ás 05:22 horas desta madrugada quedou extinguido un incendio rexistrado no municipio ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Chaguazoso. O lume comezaba ás 00:00 horas e, segundo estimacións provisionais, afectou unha superficie de arredor de 50 hectáreas de monte raso. Na extinción deste lume traballaron 3 axentes, 4 brigadas e 1 motobomba.
A Consellería do Medio Rural lembra que permanecen prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais ata novo aviso. Está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.