publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Consolídase a rede galega de observación da calidade do aire mediante a colocación de novos paneis informativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLalínLocal PortadaPonteareasPortada dereitaXinzo de Limia
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio instalará 10 novos paneis informativos sobre a calidade do aire co obxectivo de desenvolver e consolidar a rede de observación de Galicia. A previsión que manexa este departamento é colocar tres novos dispositivos nas estacións meteorolóxicas recentemente creadas nos concellos de Lalín, Xinzo de Limia e Ponteareas e renovar os que xa existían nas sete cidades galegas. Cómpre lembrar que actualmente están dispoñibles paneis en todas as estacións urbanas da Xunta de Galicia e na unidade móbil.

Con esta actuación preténdese ofrecer á cidadanía información actualizada diariamente e previsiblemente a cada hora sobre os índices de calidade do aire. Ademais, este sistema permite exercer un control constante arredor dos niveis de concentracións de substancias no ambiente tales como o dióxido de xofre, dióxido de azote, partículas de diámetro inferior a 10 micras, ozono e monóxido de carbono; e previr, así, posibles afectacións na saúde das persoas e no entorno.

Neste senso, a Consellería de Medio Ambiente anuncia hoxe a través do Diario Oficial de Galicia (http://bit.ly/2ouSAKl) a licitación do contrato de subministro, colocación e posta en marcha de novos paneis informativos para o que se contará cun orzamento de 24.000 euros e que se traducirá na instalación de 10 puntos de información en tempo real, non só sobre os índices de calidade do aire, senón tamén dos parámetros meteorolóxicos programados para cada unha das estacións.

Deste xeito, os interesados poderán presentar as súas ofertas nun prazo de quince días a contar desde o día seguinte da publicación no DOG.

Por outra banda, coa instalación destes paneis informativos, a Xunta de Galicia dá cumprimento á normativa vixente sobre a mellora dos índices de calidade do aire e facilitará que un maior número de cidadáns teñan acceso a estes datos. Igualmente, favorecerase a concienciación da poboación sobre a importancia das estacións meteorolóxicas e a relevancia dos valores que nelas se miden.

26 de abril de 2017 | 13:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.