publicidade hoxe

Concello e o COAG convocarán concursos de arquitectura para proxectos relevantes de Compostela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade e o responsable en Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia presentaron hoxe o protocolo de colaboración entre o Concello e o COAG para a convocatoria dunha serie de concursos arquitectónicos vinculados a algunhas das actuacións máis importantes previstas na cidade de cara aos próximos anos. Jorge Duarte e Santiago García coincidiron na importancia deste acordo, que “permitirá que prime a calidade arquitectónica dos proxectos e que fomentará a creatividade á hora de buscar as solucións máis acaídas para Compostela”.

O concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que o protocolo, que será asinado nas próximas semanas, contempla xa sete proxectos para os que se prevé a convocatoria de cadanseu concurso de arquitectura. Cada un deles será obxecto dun convenio específico posterior entre o Concello e o Colexio de Arquitectos.

Entre as actuacións prioritarias recollidas no protocolo, Jorge Duarte citou a remodelación das rúas Clara Campoamor e Restollal. A primeira delas está vinculada á construción da estación intermodal e o obxectivo é que “o concurso arquitectónico estea convocado en 2017, para que as obras se poidan executar de xeito acompasado á construción da nova estación de autobuses entre 2018 e 2020”. En canto ao Restollal, o concelleiro de Espazos Cidadáns salientou que “é unha vella demanda veciñal humanizar esta rúa, con 40 metros de ancho entre edificios e só seis metros dedicados ás persoas”.

No protocolo presentado hoxe tamén se contempla a convocatoria de cadanseu concurso de arquitectura para a mellora da integración urbana do Matadoiro (antiga casa da Xuventude) e a reforma do palacete da Finca do Espiño. A intención é que os dous sexan convocados ao longo de 2017.

Xa a máis longo prazo, outras das actuacións incluídas no protocolo de colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia son a reforma de Xoán XXIII, unha rúa que, segundo apuntou Jorge Duarte, “ten un trazado propio doutros tempos e moi pouco acaído para ser un dos principais accesos ao centro da cidade”; o acondicionamento da praza pública con aparcadoiro soterrado en Mestre Mateo, vinculados ao Hospital Clínico; o campus da música de Fontiñas e os centros socioculturais de Triacastela e A Almáciga.

Satisfacción no COAG

O presidente da delegación compostelá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia mostrou a súa satisfacción pola próxima sinatura do protocolo de colaboración, que “suporá unha maior transparencia e permitirá implicar a máis profesionais na elaboración dos proxectos importantes para a cidade”. Santiago García mostrouse convencido dos beneficios que supón que “sexa un xurado o que seleccione as mellores solucións arquitectónicas, fomentando a competencia e a imaxinación”.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade tamén defendeu a colaboración co COAG, que “se estende a outros proxectos, como a tramitación telemática de licenzas ou o informe de valoración de edificios, este último en colaboración tamén cos colexios de Arquitectos Técnicos e de Enxeñeiros”.

27 de abril de 2017 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.