Comezan as obras de mellora da estrada que vai de Ordes a Cerceda cun investimento de 2,3 millóns de euros

Ethel Vázquez e Ovidio Rodeiro, xunto ao alcalde de Ordes, supervisaron o comezo das obras
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde de Ordes, José Luís Martínez, supervisou hoxe o inicio das obras de mellora da estrada que vai de Ordes a Cerceda, por Mercurín, que rematarán o vindeiro ano.
Vázquez Mourelle explicou que esta actuación, na que o Goberno galego inviste 2,3 millóns de euros, achegará comodidade e seguridade nos desprazamentos dos veciños de Ordes e Cerceda; dos traballadores que se desprazan a diario ata Sogama ou ás empresas do polígono do Acevedo; ou para os que se achegan a desfrutar do parque acuático, sobre todo no verán.
Este proxecto reforzará a seguridade viaria, favorecerá a mobilidade e suporá unha maior comodidade nos desprazamentos de veciños e usuarios que transitan por esta estrada.
Trátase dunha estrada na que se levarán a cabo obras de ensanche e de acondicionamento ao longo dun treito de 7 km, unha vez que desde a Xunta se ten asumido a súa titularidade. Concretamente, vaise ampliar a calzada ata acadar un ancho de 9 metros, aumentando os dous carrís e construíndo beiravías nas dúas marxes, inexistentes nestes momentos.
O obxectivo das obras é acadar un ancho máis adaptado ás necesidades de mobilidade da zona, na que predomina o tráfico de vehículos pesados, xa que esta estrada constitúe un dos principais accesos para as empresas situadas no parque empresarial do Acevedo, en Cerceda, e mesmo para o vertedoiro de Sogama .
Tamén se renovará o firme e melloraranse as principais interseccións, habilitando carrís de aceleración e desaceleración para favorecer as incorporacións en determinados puntos; e semiglorietas que faciliten os cambios de sentido en condicións seguras; así como unha rotonda no acceso ao vertedoiro de Sogama, para permitir os xiros e todos os movementos coas máximas garantías de seguridade.