publicidade hoxe

CETMAR participa nunha acción de transferencia de coñecemento no marco do proxecto europeo COLUMBUS

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

Unha nova ferramenta (NEAT-Nested Environmental status Assessment Tool) deseñada para avaliar o estado ambiental dos mares europeos no contexto da Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña será presentada mañá na asemblea do proxecto ATLAS en Mallorca. É un software desenvolvido no marco do proxecto do Sétimo Programa Marco DEVOTES, e identificado polo Centro Tecnolóxico do Mar como un dos resultados transferibles desta iniciativa cun impacto potencial más relevante.

Esta actividade forma parte das accións desenvolvidas polas áreas de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía e Control e Xestión dos Recursos e do Medio Mariño da Fundación CETMAR como membro do consorcio do proxecto COLUMBUS. Financiado polo programa Horizonte 2020 da Unión Europea, este proxecto emprega unha metodoloxía innovadora de transferencia de coñecemento para apoiar e ofrecer solucións que contribúan ao Crecemento Azul e á aplicación da Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña, entre outras normativas da Unión Europea.

O novo software xa fora presentado a especialistas en avaliación ambiental nun taller organizado polo CETMAR na súa sede en Vigo e agora darase conta do mesmo no marco da asemblea xeral do proxecto ATLAS, que mañá mércores celebra unha xornada aberta a outros proxectos. No marco deste novo taller, darase conta das posibilidades de aplicación do NEAT en ecosistemas mariños de augas profundas, pois os obxectivos do proxecto ATLAS están orientados a ese tipo de ecosistemas e a unha mellora da planificación e da xestión do seu uso.

Cun presuposto próximo aos 4 millóns de euros, o Centro Tecnolóxico do Mar e os seus socios en COLUMBUS seguirán traballando ata 2018 cara ao aproveitamento da investigación mariña da UE, garantindo a accesibilidade e a utilización dos coñecementos xerados por parte dos usuarios finais (administracións, industria, ciencia e sociedade en xeral).

25 de abril de 2017 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.