publicidade hoxe

“Camiño das letras” convida a celebrar o 17 de maio a través do deporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Presentación da carreira "Camiño das letras"

Presentación da carreira “Camiño das letras”

A Cidade da Cultura será este ano a meta da Carreira Camiño das Letras, promovida por Xurdir coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación. A literatura e a lingua galegas únense nesta iniciativa á práctica deportiva e mais á ruta xacobea para celebrar o 17 de maio, que a Real Academia Galega lle dedica este ano ao escritor Carlos Casares.

A cuarta edición da carreira terá lugar o vindeiro domingo 14 de maio, cunha proba absoluta que dará comezo no Pico Sacro (Boqueixón) e que chegará, seguindo a Ruta da Prata, ata os exteriores da Cidade da Cultura. Alí foi presentada esta mañá en rolda de prensa a cuarta edición da carreira, que tamén inclúe un circuíto para as categorías menores (pitufo, prebenxamín-benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil) no Gaiás.

A nova edición da carreira dérona a coñecer os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; o alcalde de Boqueixón, Manuel F. Munín; a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana I. Vázquez; o director da proba, Pedro Nimo; o actor e presentador Roberto Vilar, padriño da carreira; o delegado da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; o administrador da Fundación Carlos Casares, Håkan Casares; e a concelleira de Mocidade, Deportes e Benestar Animal do Concello de Santiago de Compostela, Noa Morales.

Durante a presentación, os representantes da Consellería de Cultura e Educación animaron a toda a cidadanía, nomeadamente a mocidade “a festexar as Letras Galegas desde o deporte, un ámbito de promoción privilexiado para a lingua e a cultura que celebramos cada 17 de maio”.

Ata o próximo 10 de maio estará aberta a inscrición, a través da páxina web www.emesports.es. Ademais, no sitio web www.lingua.gal/letras-galegas/ están dispoñibles diversos materiais sobre a proba, entre os que se inclúe o cartel deste ano, un vídeo do físico Jorge Mira animando a participar na carreira e mais un audiovisual de presentación da proba, con experiencias de edicións anteriores.

Libros para participantes e gañadores

Todas as persoas participantes que finalicen a proba recibirán como agasallo da organización un libro e mais o diploma Camiño das Letras. Ademais, haberá diversos premios para os vencedores. Os tres primeiros clasificados (en mulleres e homes) da proba absoluta recibirán un trofeo e un lote de libros, mentres que nas categorías de alevín a veterano recibirán un lote de libros. No caso das categorías de pitufo, prebenxamín e benxamín, todos os participantes serán agasallados cun libro adaptado á súa idade. Finalmente, outorgaráselles un trofeo e un lote de libros ao centro escolar e ao club que acade un maior número de participantes que rematen a proba.

Programación especial arredor de Carlos Casares

Durante este ano, no que a Real Academia Galega lle dedica o 17 de maio a Carlos Casares, as Letras Galegas e as iniciativas de difusión da vida e da obra do autor teñen un destacado protagonismo na axenda cultural de Galicia.

Para apoiar o coñecemento e valoración social dun dos autores de referencia da narrativa galega do século XX, a Xunta de Galicia deseñou un amplo programa de actuacións, en colaboración coa Fundación Carlos Casares e coas principais institucións culturais de Galicia, entre as que destaca a exposición itinerante ‘Os mundos de Carlos Casares’, que foi inaugurada onte na sala José Ángel Valente de Ourense.

Esta e outras actividades promovidas pola Consellería para celebrar as Letras Galegas poden consultarse na Axenda de Cultura, en www.cultura.gal e en www.lingua.gal.

26 de abril de 2017 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.