publicidade hoxe

Bueu incorpórase ao circuíto ‘Cinemas de Galicia’ con cinco proxeccións ata xuño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O concello de Bueu participará por primeira vez en Cinemas de Galicia, o circuíto de exhibición cinematográfica impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic). O programa, que deu comezo o pasado 16 de abril en Ortigueira, estrea carteleira no municipio pontevedrés este sábado 22 coa proxección de Mimosas, de Oliver Laxe, no Auditorio do Centro Social do Mar ás 21:00 horas.

A chegada de Cinemas de Galicia a Bueu pon de manifesto a aposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por lle dar continuidade ao proxecto coa adhesión de novos concellos de todo o territorio galego e por achegar o cine a destinos onde non hai salas comerciais. Ademais do Concello, no caso de Bueu tamén participa activamente na iniciativa o cineclub desta localidade.

A programación foi presentada esta mañá en Bueu nunha rolda de prensa na que interviñeron o alcalde, Félix Juncal; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e representantes do Cineclub Bueu, para dar a coñecer a carteleira concreta das primeiras proxeccións, así como o funcionamento práctico e os obxectivos de ‘Cinemas de Galicia’.

Iniciativa necesaria

Neste sentido, o director da Agadic explicou que Cinemas de Galicia é unha iniciativa necesaria, coa que se contribúe á promoción das obras galegas no noso territorio xunto con outros títulos nacionais e internacionais avalados por festivais e premios. “Pretendemos deste xeito –dixo– un achegamento do público ao cine como manifestación cultural e, ao mesmo tempo, unha percepción do audiovisual feito en Galicia en contexto coas cinematografías do mundo, ademais de recuperar o cine en pantalla grande”.

Jacobo Sutil agradeceulles aos responsables municipais a súa implicación para brindarlle á veciñanza esta carteleira e animou a acudir ás proxeccións. Fixo referencia, ademais, a que este ano son nove os concellos que integran Cinemas de Galicia (ademais de Bueu, Allariz, As Pontes, Cariño, Cedeira, Celanova, Foz, Ortigueira e O Grove), cada un deles cun calendario personalizado e deseñado a partir das 27 películas que se ofrecen este ano no catálogo.

Cine galego e internacional

Bueu programa inicialmente en Cinemas de Galicia dende o 22 de abril ata o 16 de xuño, tempo no que se proxectarán cinco películas. Haberá unha segunda quenda de proxeccións entre setembro e decembro. Todas as sesións terán lugar no Auditorio do Centro Social do Mar ás 21:00 horas a un prezo único de 3 euros.

Os filmes que se ofrecerán neste municipio son Mimosas, de Oliver Laxe, o sábado 22 de abril; 100 anos de perdón, de Daniel Calpasoro, o 6 de maio; Os días afogados, de César Souto e Luis Avilés, o 19 de maio; Psiconautas, os nenos esquecidos, de Alberto Vázquez e Pedro Rivero, o 3 de xuño; e, por último, Siembra, de Ángela Osorio e Santiago Lozano, o 16 de xuño.

20 de abril de 2017 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.