publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Balseiro destaca o esforzo de formación que realiza Medio Rural para avanzar na profesionalización do sector primario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMonforte de Lemos
A-
A+
Balseiro na inauguración da xornada

Balseiro na inauguración da xornada

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, puxo de relevo o esforzo que realiza a Consellería do Medio Rural en materia de formación para avanzar na profesionalización do sector primario. O delegado realizou estas declaracións durante a inauguración da xornada técnica sobre “Estratexias de control do mildio na vide”, a primeira que organiza este ano a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), centro dependente da Consellería do Medio Rural.

Na inauguración da xornada participaron tamén o director da EVEGA, Juan Casares; o alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, e o presidente do Consello Regulador Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez.

O encontro tivo lugar no Centro Sociocultural de Sober e contou coa colaboración do Concello de Sober, o consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL). Estaba orientado a viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico de empresas vitivinícolas, de consellos reguladores, de oficinas comarcais agrarias, persoal investigador ou estudantes, con especial fincapé aos mozos e mozas de menos de 41 anos e aos viticultores e adegueiros en activo.

Ao respecto, Balseiro incidiu en que “un sector primario máis profesionalizado e dimensionado será máis competitivo, e para logralo é imprescindible a formación”. De aí, engadiu, que “a Consellería do Medio Rural dedique múltiples recursos e esforzos aos programas de formación, que favorecen a aprendizaxe permanente dos profesionais e mesmo a incorporación dos mozos e das mozas ao sector primario”.

Neste sentido, afirmou que a Consellería dispón na provincia de seis centros de formación en Galicia, dous deles na provincia de Lugo, en Becerreá e en Monforte de Lemos.

Avances científicos

O mildio é unha enfermidade producida polo fungo Plasmopara vitícola Berl. e de Toni que ataca todos os órganos verdes da vide. Causa danos en calquera zona vitícola cunha intensidade variable segundo as condicións climáticas de cada ano; sendo principalmente importante a presenza de choivas abundantes.

Malia que o seu control é algo común na nosa comunidade, a utilización de produtos químicos está provocando a xeración de resistencias e a aparición de novas razas desta especie de fungo, complicando a súa erradicación. Faise necesario, pois, transmitir aos axentes do sector os avances no coñecemento científico e técnico sobre esta enfermidade, tanto no relativo á evolución do patóxeno como no seu control.

Os obxectivos desta xornada pasan por establecer un foro no que se valoren e discutan as alternativas de control para o mildio, e concienciar ao viticultor sobre o uso axeitado de produtos químicos para evitar a xeración de resistencias que dificulten o seu control. Así mesmo, presentáronse innovacións que permiten minimizar os efectos desta patoloxía mildio mediante o uso de alternativas aos produtos químicos.

6 de abril de 2017 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.