publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As probas diagnósticas de Primaria e Secundaria realizaranse a finais de maio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

Co fin de que os centros educativos poidan contar con información ao respecto, en tanto o Ministerio de Educación non publique a Orde que regula as avaliacións finais de Primaria e Secundaria, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, venlles de comunicar aos centros que forman parte da mostra, as datas de celebración destas avaliacións diagnósticas, que serán mostrais e non censais, tal como quedou acordado por unanimidade de todas as Comunidades Autónomas na Conferencia Sectorial de Educación celebrada en novembro en Madrid.

Deste xeito, as avaliacións de 6º de Educación Primaria e de 4º de ESO terán lugar os días 23 e 24 de maio, mentres que a proba diagnóstica de 3º de Primaria celebrarase o 30 e 31 de maio.

Cómpre subliñar que o resultado destas probas non ten ningunha repercusión no expediente académico dos alumnos; é dicir, que non inciden para nada nas cualificacións obtidas polos rapaces no curso escolar. A súa finalidade é estritamente diagnóstica, xa que os datos recompilados proporcionan á Administración unha información complementaria á hora de deseñar accións específicas na súa aposta por unha maior calidade no ensino.

Respecto á selección da mostra, a Consellería seguiu un procedemento moi similar ás probas PISA (para a cal tamén se extraen centros por países e CCAA), en canto a metodoloxía e tamaño da mostra. É dicir, aplicáronse rigorosos criterios técnicos (porcentaxe de públicos/privados, rural/urbano, tamaño dos centros) co fin de lograr a máxima representatividade e, deste xeito, que as extrapolacións dos datos obtidos permitan establecer conclusións certas.

Avaliación de 4º curso de ESO

Unha das principais novidades é que este curso 2016/17 é o primeiro no que se vai aplicar a avaliación de Secundaria, para os alumnos que están cursando 4º de ESO. Froito do acordo unánime a nivel de Comunidades Autónomas e Ministerio de Educación acadado na Conferencia Sectorial de Educación, esta proba aplicarase con carácter de mostra; é dicir, que non a van facer o cen por cen do alumnado deste curso, senón só nos centros seleccionados en base aos correspondentes criterios técnicos. No caso de Galicia, a mostra seleccionada representa aproximadamente un 15% dos centros que imparten 4º de ESO de toda Galicia (arredor de 70).

Cómpre lembrar que, atendendo á demanda feita desde Galicia polo departamento que dirixe Román Rodríguez, esta avaliación terá carácter exclusivamente diagnóstico e, polo tanto, non conta para o expediente do alumno nin para a súa promoción para a seguinte etapa educativa. A proposta, que foi apoiada polo resto das CCAA, foi convalidada polo Congreso dos Deputados e ratificada polo Goberno do Estado no Real Decreto-lei 5/2016, de 9 de decembro, de medidas urxentes para a ampliación do calendario de implantación da LOMCE mentres non entre en vigor a normativa que resulte do Pacto de Estado social e político, no que se está traballando. As competencias avaliadas serán a matemática, a lingüística (en galego, en castelán e en lingua estranxeira), e a competencia social e cívica.

A proba en 6º de Primaria

Canto á etapa de Educación Primaria, a novidade tamén atinxe á avaliación de 6º curso de Primaria, que ao igual que a de ESO, terá carácter de mostra e, no caso de Galicia, aplicarase tamén no 15% aproximadamente do total de centros que imparten este curso de Primaria en Galicia (en torno a 125 centros). Tamén neste caso, os resultados obtidos polos alumnos de 6º curso de Primaria seleccionados para a mostra non teñen ningún efecto no seu expediente nin nas súas cualificacións. Na proba -que será os días 23 e 24 de maio- avaliaranse a competencia matemática, a competencia lingüística (en galego, en castelán e en lingua estranxeira), e as competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.

No que respecta á proba de 3º de Primaria -que terá lugar o 30 e 31 de maio-, queda nos mesmos termos que se vén realizando nos últimos dous cursos, coa avaliación de competencia en comunicación lingüística (de xeito conxunto e integrado en galego e castelán) e a competencia matemática. Cómpre subliñar que esta proba é practicamente a mesma que viña facendo nas avaliacións de diagnóstico de 4º de curso de Primaria (LOE) desde o ano 2009, coa única diferenza que agora as familias reciben información individualizada sobre o seu fillo/a, que antes nos dispoñían.

Aplicación das probas

En todos os casos, as probas están baseadas e deseñadas segundo os estándares dos currículos correspondentes aos cursos nos que se aplican. É dicir, adaptadas ás franxas de idade dos alumnos aos que van dirixidos.

Coma nas anteriores edicións, a Consellería de Cultura e Educación encargarase de proporcionar aos centros o apoio necesario (tanto material como soporte informático) para poder realizar as probas. Deste xeito, disporanse cadernos (en formato papel) para cada unha das avaliacións e das competencias obxecto de avaliación, así como cuestionarios de contexto para profesores, dirección do centro, alumnado e as súas familias.

O contido das probas será elaborado por grupos de profesores que imparten docencia no nivel educativo que se avalía. Téñense en conta os estándares fixados polo Estado, así como o currículo propio da CCAA de Galicia.

De acordo co proxecto de Orde ministerial, os encargados da aplicación e corrección das probas será, preferentemente, profesorado funcionario do sistema educativo, externo ao centro no que se apliquen as probas; co apoio dos equipos directivos e o profesorado dos centros seleccionados, que participarán e colaborarán na realización da avaliación (en calquera caso, a Consellería publicará unhas instrucións na que se detallarán de xeito pormenorizado estas cuestións). No caso de 3º de Primaria, ao igual que nas edicións anteriores, as probas serán corrixidas por profesores/as do centro que non impartan clase nas materias relacionadas coas competencias obxecto da proba aos alumnos/as avaliados.

Mellora dos procesos de aprendizaxe e docencia

Este tipo de probas diagnósticas -que se realizan con total normalidade na maioría dos países europeos- son un instrumento importante para a Administración na medida en que lle proporciona información complementaria sobre o sistema educativo, que axuda a anticiparse na detección de posibles eivas e nas articulación de solucións a aplicar. En definitiva, este tipo de avaliacións permiten seguir implementando plans específicos para a mellora dos procesos de aprendizaxe e de docencia, tanto a nivel de centros como a nivel de alumnos. De feito, a raíz das probas de 3º e de 6º de Primaria do pasado curso, neste 2016/17 a Consellería asinou contratos-programa para desenvolver plans de mellora directamente vinculados aos resultados obtidos, que supuxo a incorporación neste curso, de 114 profesores de apoio contratados a maiores para outros tantos centros escolares. É dicir, que todos eles contan cun docente de apoio externo, ao igual que sucedeu cos 69 centros que recibiron apoio deste tipo no curso 2015/16 ao abeiro do resultado da proba de 3º de Primaria celebrada no curso 2014/15.

21 de abril de 2017 | 14:05 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario