publicidade hoxe

Adxudícanse as vivendas de alugueiro social en Arteixo, Ferrol e Narón para atender tres casos de emerxencia social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArteixoFerrolLocal PortadaNarón
A-
A+

A sesión da Comisión Provincial de Vivenda de A Coruña celebrada esta semana acordou propoñer ao Instituto Galego de Vivenda e Solo a adxudicación directa de tres vivendas, cedidas para o seu alugueiro social por Sareb, en virtude do convenio subscrito co IGVS, sitas en Arteixo, Ferrol e Narón.

Unha das vivendas adxudicarase, a proposta dos servizo sociais do Concello de Arteixo, a un solicitante reside co seu irmán nunha vivenda cedida por unha familia. O propietario ten manifestado que non quere que sigan vivindo nela, pois entende que o inmoble non cumpre as condicións mínimas e teme que lles poida ocorrer calquera cousa. Nin o solicitante nin o seu irmán traballa e o seus único ingreso é a Risga que cobra un deles.

Nesta mesma sesión decidiuse propoñer a adxudicación a unha muller que vive co seu esposo e dous fillos menores, nun piso que se atopa en estado ruinoso e que lles fora cedido en precario por unha amiga coa que hoxe teñen graves problemas. Actualmente a familia non ten recursos. Atópanse en situación de vulnerabilidade e desvalemento. A proposta procede dos Servizos Sociais de Ferrol.

No terceiro caso, o de Narón, a comisión tivo en conta que a interesada pertence ao colectivo de vítimas de violencia de xénero, que por lei ten acceso prioritario ás vivendas de promoción pública. Os acordos do IGVS coa Sareb e Abanca recollen o uso destas vivendas por un período dun ano, prorrogable por tres máis. Trátase de pisos cun alugueiro social máximo de 125 euros. A consellería determinará, mediante un estudo, a capacidade económica de cada familia antes de propor a renda que deberán abonar pola ocupación de cada unha das vivendas.

26 de abril de 2017 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.