publicidade hoxe

A Xunta renova a súa colaboración co programa de formación e integración da Asociación Érguete

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá a sede da Asociación Érguete, onde destacou a importancia do Programa de formación e integración social (PFIS), que leva a cabo a Asociación na procura de acadar unha integración social plena e a reinserción socio-laboral das persoas que participan.

Alfonso Rueda, que eloxiou a actividade da Asociación Érguete e da súa presidenta, Carmen Avendaño, fixo especial fincapé no programa de intervención terapéutica que se leva a cabo desde a Asociación e indicou que o goberno galego destina 30.000 euros ao proxecto, que xa leva varios anos en marcha. Grazas a programas de intervención terapéutica coma os que Érguete leva a cabo, que analizan e restauran as causas que levaron á persoa a rachar cos seus vínculos coa sociedade conseguen a súa integración social.

A Xunta aposta por impulsar alternativas á cadea que en determinadas condutas dan resultados mais eficaces e poden garantir unha mellor rehabilitación, xa que no caso de persoas que sufriron penas privativas de liberdade hai que propiciar a súa reinserción socio-laboral, e traballar para facer comprender á sociedade que é responsable de apoiar medidas coma a reinserción e integrar a estas persoas novamente na sociedade.

O programa está destinado a persoas con problemática legal, delincuentes primarios en período de suspensión de condena, cun baixo índice de perigosidade, e que teñan ademais un nivel medio-alto de motivación para o cambio. Entre os obxectivos de este programa no que colabora o Goberno galego está establecer unha vía de reflexión persoal sobre a propia forma de actuar e as súas consecuencias, preparar ás persoas para afrontar situacións que poidan provocar reincidencia; establecer un sistema de apoio permanente para eles e para as súas familias durante o tempo que dure o programa e incluso unha vez rematado, así como crear un ambiente adecuado para facilitar o estudo de situacións que se deban resolver.

18 de abril de 2017 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.