publicidade hoxe

A Xunta publica a transferencia dun treito da rúa Progreso desde o seu inicio ata o límite co Porriño ao Concello de Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMosPontevedra
A-
A+

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o Decreto polo que aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Mos do treito da rúa Progreso que vai desde o seu inicio na glorieta da Costilleta, baixo a autovía A-55, ata o límite co termo municipal do Porriño. Este decreto producirá efectos desde mañá, día 27 de abril, polo que a entrega do treito formalizarase mediante a sinatura da acta de entrega, no prazo dos dous meses seguintes á publicación do decreto no DOG.

A estrada PO-329 presenta nesta zona un tráfico principalmente urbano e local posto que o treito conta cunha alternativa viaria clara, a estrada PO-511 pertencente á rede primaria básica con mellor nivel de servizo. Para obter máis información pódese consultar o seguinte enlace: https://goo.gl/DG1e3f.

O Concello de Mos prevé adoptar medidas de humanización e de mellora da accesibilidade dos peóns no nó de Sanquiñeda, de comunicación entre a A-55 e as estradas N-120 (glorieta da Costilleta, baixo a A-55) e A N-550 (glorieta das Angustias), polo que solicitou a transferencia da titularidade deste treito da rúa Progreso. A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito da estrada PO-329, situado entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+160, a prol do concello de Mos.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade autónoma e das entidades locais.

Desde agora, o Concello de Mos poderá actuar sobre esta vía de acordo coas súas características urbanas, e nela xa non serán de aplicación as restricións da normativa autonómica de estradas, como por exemplo as limitacións de usos ou actividades nas súas marxes ou os accesos, ao tempo que se reducirán as cargas administrativas sobre os cidadáns dos núcleos polos que discorre.

O cambio de titularidade tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece que deberá ser aprobados por decreto do Executivo autonómico, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

O procedemento establecido nesta Lei permitiu axilizar este tipo de expedientes, que son beneficiosos para a administración da Xunta ao non ter que explotar unha vía que deixou de ter funcionalidade como percorrido interurbano e para o concello, xa que libera aos cidadáns das cargas administrativas que supón a súa consideración como estrada de titularidade do Goberno galego.

26 de abril de 2017 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.