publicidade hoxe

A Xunta promove a investigación sobre cultivos con capacidade para mitigar os efectos do cambio climático nos parques naturais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTui
A-
A+
Beatriz Mato na visita a Tui

Beatriz Mato na visita a Tui

A Xunta de Galicia promove o estudo sobre o desenvolvemento de cultivos nos parques naturais de Galicia capaces de reducir as emisións atmosféricas e paliar os efectos do cambio climático. Estas actuacións levaranse a cabo mediante un acordo marco que a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, vén de asinar co director territorial de CaixaBank Galicia, Marc Benhamou Gallego, no Centro de interpretación da natureza do Parque Natural de Monte Aloia, en Tui; e que contará coa colaboración das Universidades de Vigo e Santiago. A titular do departamento autonómico sinalou que este acordo de colaboración suporá un investimento de 100.000 euros -50.000 en cada un- en dous proxectos de investigación que permitirán, por unha banda, compatibilizar a conservación dos espazos naturais co crecemento económico sostible, o emprego verde e estilos de vida saudables; e, por outra banda, analizar métodos de control e mitigación dos efectos da vespa velutina na biodiversidade.

Con respecto ao estudo que favorecerá o desenvolvemento de prácticas agrícolas sostibles nos parques naturais de Galicia, Beatriz Mato explicou que “determinados procesos poden axudar a reducir as emisións de CO2 e NO2, como son os abonos naturais ou o emprego de maquinaria menos lesiva”. Así, abondou a conselleira, “estas técnicas contribúen á fixación destes compostos no chan, evitando a súa saída á atmosfera e favorecendo a unha maior retención de auga e unha menor erosión”.

Deste xeito, a titular do departamento autonómico indicou que, segundo os resultados da investigación previa, seleccionaranse dous tipos de cultivos ou produtos máis axeitados para cada zona e garantir, así, non só a preservación do espazo natural, senón tamén o desenvolvemento económico local sostible mediante sistemas de produción baixos en emisións, o fomento do emprego verde e hábitos saudables. Beatriz Mato lembrou que no entorno dos parques naturais xa se vén compatibilizando a actividade agrícola coa protección do patrimonio natural.

Tamén, segundo anunciou a conselleira, dentro das actuacións previstas, contémplase a posterior comercialización dos produtos resultantes dos cultivos e mesmo estudarase a viabilidade da creación dunha marca co fin de aumentar a súa visibilidade no mercado.

Métodos de control sobre a vespa velutina

Grazas a este acordo de colaboración asinado coa Fundación La Caixa, porase en marcha outro proxecto de investigación que permitirá coñecer novos métodos para o control e a redución dos efectos da vespa velutina na biodiversidade. Neste proxecto contarase tamén coa participación das Universidades de Vigo e Santiago e baséase en catro liñas de traballo que van desde a análise do comportamento e as preferencias alimentarias da especie, o desenvolvemento de novas trampas e atraentes para a captura de individuos, o coñecemento sobre os seus hábitats e os factores que favorecen a distribución do insecto e a consideración do seu impacto sobre a polinización das especies locais.

En concreto, os estudos facilitarán o coñecemento sobre o comportamento da especie e o número de individuos por colonia, testarase o atractivo de distintas fontes como poden ser os carbohidratos e proteína e determinaranse os hábitats máis frecuentados polo insecto.

A maiores, promoverase unha rede de alerta en actuación conxunta coa cidadanía e, en especial, cos apicultores, que é o sector social máis implicado; cuxa misión será establecer puntos de mostraxe en campo que reúnan as características necesarias para estudar o insecto.

Como resultado desta investigación, segundo indicou a conselleira de Medio Ambiente, elaborarase un protocolo de actuación e a divulgación das conclusións obtidas.

18 de abril de 2017 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.