publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta fará o traslado ao novo Centro de Emerxencias do 112 na Estrada tras garantirse a seguridade da operación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia fará esta noite, como estaba previsto, o traslado ao Centro Integral de Atencións ás Emerxencias (CIAE-112) nas súas instalacións ubicadas na Estrada. A seguridade está garantida ao decretar o xuíz ata un 80% de servizos mínimos nos traballadores en funcións de xestores e coordinadores telefónicos, os máis importantes nesta operación.

A prioridade da Xunta de Galicia foi, desde un principio, que a seguridade fose total e unha vez analizados os servizos mínimos ata o detalle, os técnicos determinaron que o traslado se poderá realizar con plenas garantías.

A elección da data estaba baseada en criterios obxectivos e tendo en conta que se cumpren tódalas condicións técnicas precisas para empezar a traballar no novo centro. Cómpre destacar que o traslado conta cunha programación detallada e cun comité de seguimento coa finalidade de prestar o servizo con todas as garantías.

De feito, o centro actual, en Santiago, pasará a ser un centro de respaldo, xa que conta cun sistema de replicación de datos. Deste xeito, se se producira algunha incidencia no CIAE-112 da Estrada poderíanse empregar as instalacións de Santiago para atender as emerxencias, como o que se está a facer ata o de agora.

O novo centro, no que se investiron algo máis de 12 millóns de euros, aproveita as sinerxías coa Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), o que permite unificar nun mesmo espazo a atención, a xestión e formación das emerxencias, un aspecto pioneiro a nivel estatal.

A superficie do novo centro, e o seu deseño multifuncional e adaptable, facilitará tamén prestar unha atención integral, que é un dos principais obxectivos do novo CIAE-112. Así, as instalacións dispoñen dos medios técnicos necesarios para permitir unha integración paulatina doutros operadores relacionados coas emerxencias, como é o caso do 061, ou dos representantes da Policía Nacional ou a Garda Civil. Deste xeito, poderase ofrecer aos cidadáns unha resposta integrada, rápida, eficaz, coordinada e sen duplicidades.

Outra das principais novidades é a nova plataforma tecnolóxica, deseñada de xeito específico para este centro e que permite integrar maior número de información a tempo real, o que redundará nunha maior axilidade e precisión na toma de decisións. Actualmente, esta plataforma está en plena produción e non se ten detectado ningún problema de funcionamento. Ademais, os traballadores xa teñen recibido a formación necesaria para operar nesta nova plataforma.

18 de abril de 2017 | 16:26 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario