publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta elabora o mapa ergonómico de Galicia para previr os riscos por carga física de traballo nas empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, presentou hoxe na Coruña o Mapa de risco ergonómico de Galicia que elaborou a Xunta, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), en colaboración con 125 empresas pertencentes a 11 sectores de actividade, e con máis de 30.000 traballadores, co obxectivo de identificar e previr os riscos asociados á carga física de traballo nas empresas galegas.

O estudo, segundo explicou Toca, tivo como obxectivo coñecer a poboación laboral que está exposta a factores de risco vinculados principalmente á manipulación manual de cargas, posturas forzadas, movementos repetitivos ou aplicación de forzas e mobilización de persoas e as actuacións que levan a cabo as firmas neste ámbito.

Toca indicou que os trastornos musculoesqueléticos son unha das enfermidades máis frecuentes no ámbito laboral. En Galicia, un 38% dos accidentes de traballo con baixa ocorridos durante a xornada laboral en 2016 debéronse a un sobreesforzo, mentres que un 67% das enfermidades profesionais que causaron baixa foron por lesións de tipo musculoesquelético.

Deste xeito, e tras a elaboración deste estudo, a Xunta, tal e como afirmou a secretaria xeral, reforzará as actuacións de asesoramento técnico e campañas informativas e de sensibilización nos sectores vinculados á industria da alimentación, fabricación de produtos metálicos, recollida de residuos, transporte terrestre e centros hospitalarios e residencias.

O estudo concluíu que preto dun 80% das empresas conta con delegados en prevención e que o risco de carga física está presente sobre todo en traballos que requiren a manipulación manual de cargas. Na industria da alimentación tamén teñen presenza os riscos derivados de movementos repetitivos, ao igual que ocorre co sector de servizos de aloxamento para o factor de posturas forzadas.

“O noso interese prioritario é concienciar, previr e formar ás empresas e empregados da importancia de traballar en entornos saudables e seguros”, subliñou Toca, ao tempo que afirmou que a prevención de riscos no traballo ten que ser “unha actuación de todos”.

Deste xeito, Toca explicou que a Xunta, a través da Axenda 20 para o Emprego, traballa no deseño de políticas e medidas encamiñadas principalmente á prevención, dando resposta ás demandas do tecido empresarial galego, sempre coa participación dos axentes sociais e económicos. “O noso obxectivo é garantir un emprego seguro e de calidade como elemento clave da competitividade”, apostilou. Neste ámbito, avanzou que proximamente se presentará a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020 para contribuír á redución da sinistralidade laboral e impulsar a seguridade e calidade no traballo.

Por último, puxo en valor o traballo que desenvolve o ISSGA, que realiza un labor formativo que, xunto á información, promoción e asesoramento en materia de seguridade laboral, constitúe unha das actuacións destacadas nos seus plans anuais. As actividades que leva a cabo o Instituto teñen por obxectivo dotar aos profesionais galegos da cualificación necesaria para xestionar a prevención nos seus centros de traballo.

Escola de prevención

No eido da prevención de riscos laborais, o ISSGA tamén conta coa Escola Galega de Prevención para fomentar a cultura preventiva desde a infancia. De feito, ao longo desta semana preto de 100 estudantes do CPR Santa María do Mar da Coruña desprazáronse ata este centro itinerante da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O departamento autonómico busca con esta Escola incentivar actitudes e hábitos seguros entre os escolares dun xeito ameno, didáctico e divertido. Deste xeito, incúlcanse condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación aos riscos laborais aos que terán que enfrontarse como futuros empresarios e traballadores.

21 de abril de 2017 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.