publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta colaborará cos concellos para captar investimentos empresariais con facilidades en impostos municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Feijóona rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Feijóona rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que a Xunta vai propoñer esta tarde á Fegamp, no seo da Comisión galega de cooperación local, un acordo, enmarcado no Plan de captación de investimentos de Galicia, para impulsar conxuntamente que as empresas invistan na comunidade a través de novas facilidades.

A través deste convenio, proponse aos concellos galegos impulsar medidas como a supresión ou bonificación de impostos municipais, por exemplo, o IBI, o Imposto sobre actividades económicas ou o Imposto sobre construcións, instalacións e obras; licencias de obra e apertura ou a verificación a posteriori da comunicación previa. Do mesmo xeito, proponse tamén ofrecer solo empresarial a un prezo competitivo, cun máximo por metro cadrado e a posibilidade de alugar solo municipal para a instalación de empresas.

Así mesmo, o acordo mellorará as posibilidades da oficina Doing Business, unha canle de comunicación entre os investidores e a Administración, que permite responder de forma rápida ás súas demandas. Así, desde agora os concellos poderán sumarse á plataforma, coa denominación concellos Doing Business, o que axudará a difundir as súas actuacións para captar investimentos.

Segundo precisou o presidente da Xunta, os concellos que se adhiran a este convenio poderán beneficiarse de medidas promovidas pola Administración, como prioridade en ordes de axudas para parques empresariais, viveiros industriais e plans de eficiencia enerxética; e a oferta de servizos ao investidor, como información, asesoramento e contacto con provedores.

Ofrecer un clima atractivo para investir en Galicia

Con esta proposta de convenio, a Xunta tende a man ás administracións locais para avanzar cara a unha Galicia con máis emprego, con postos de traballo máis cualificados e cun tecido empresarial máis sólido, diversificado e innovador.

Como lembrou Feijóo, nos últimos anos, Galicia captou importantes investimentos en sectores estratéxicos que confirman que os investidores internacionais teñen os ollos postos na comunidade: investimentos na automoción, coa aposta de PSA por Vigo cos proxectos K9 e V20; investimentos no naval, cun repunte no número de contratos nos últimos anos; e investimentos no aeronáutico, co proxecto conxunto de Indra e Inaer.

Por outra banda, o titular do Goberno galego sinalou que o Plan de captación de investimentos da continuidade a iniciativas que xa estaban en marcha como o programa Galicia Inviste; unha liña para a captación de investimentos estranxeiros; o decreto que crea as entidades de certificación municipal; e o programa de bonificación de solo empresarial.

Ademais do convenio coa Fegamp, o Plan tamén ten previstas actuacións nos vindeiros meses como a ampliación da oficina Doing Business; intensificar o investimento en I+D e innovación, priorizando os proxectos enmarcados na Industria 4.0; e aprobar unha Lei de implantación empresarial, que avance máis na simplificación administrativa para que o papelame non sexa un obstáculo para o crecemento.

20 de abril de 2017 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.