publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta achega no polo tecnolóxico de Rozas a innovación a 120 estudantes de FP de Castro de Rei e Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLugoLugo
A-
A+
Patricia Argerey durante a xornada In.formate

Patricia Argerey durante a xornada In.formate

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, asistiu á visita organizada para 120 alumnos dos centros públicos integrados de Formación Profesional das Mercedes e Terra Cha ao polo tecnolóxico e industrial de Rozas.

A xornada In.formate, á que a directora de GAIN asistiu acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e do alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado, inscríbese no programa de formación para a innovación no ensino medio organizado pola Axencia Galega de Innovación co obxectivo de trasladar aos alumnos de ensino secundario e FP a importancia da investigación, o desenvolvemento e a innovación no seu futuro laboral.

Patricia Argerey explicoulle aos estudantes a oportunidade que ofrece a ciencia e a tecnoloxía no seu desenvolvemento profesional e, en concreto, a Civil UAVs Initiative, o programa da Xunta de Galicia que permitiu pór en marcha un polo tecnolóxico e industrial arredor dos vehículos aéreos non tripulados para uso civil en Galicia.

Neste sentido, destacou a tripla aposta que está a facer a administración autonómica por este sector, que vai experimentar un crecemento exponencial nos próximos anos: en primeiro lugar, pola investigación e o desenvolvemento tecnolóxico no ámbito dos UAVs, coa posta en marcha do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas en colaboración co INTA (Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial) e o contrato coas multinacionais Indra e Babcock para o desenvolvemento dun programa completo de I+D; en segundo lugar, a dinamización do tecido empresarial e industrial galego, así como o resto de axentes do sistema galego de innovación, a través da contratación de servizos tecnolóxicos. E, por último, a aposta pola formación coa posta en marcha do Ciclo Superior de Aeromecánica no CIFP As Mercedes e o Grao en Enxeñaría Aeroespacial na Universidade de Vigo.

Actualmente, o proxecto xa conta con 80 profesionais traballando e 12 empresas e centros tecnolóxicos e de coñecemento de Galicia que mobilizarán 12 millóns de euros. Ademais, vanse investir, de xeito inmediato, un total de 14 millóns de euros nas primeiras 7 licitacións en proxectos que mellorarán os recursos acuáticos, o territorio e o tráfico aéreo.

Para rematar, Argerey destacou o obxectivo de captar e reter talento na nosa comunidade como unha das prioridades do seu departamento e animou aos asistentes a que sigan formándose e que encaren o seu futuro profesional con optimismo ante as oportunidades que abre a innovación en Galicia.

A xornada proseguiu cunha demostración de manexo de vehículos aéreos non tripulados a cargo dos propios estudantes das Mercedes. Despois, desprazáronse á casa de cultura de Castro Ribeiras de Lea para continuar coa celebración dunha serie de charlas e mesas redondas arredor da orientación profesional e a Civil UAVs Initiative. Entre outras cuestións, os asistentes puideron coñecer aspectos relacionados coa propiedade industrial e a innovación; a implicación ambiental ou profundar no traballo do Centro Tecnolóxico Aeronáutico de Rozas.

19 de abril de 2017 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.