publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta abre o prazo de inscrición nos campos de traballo para o verán 2017

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia
A-
A+

A Xunta de Galicia abre hoxe o prazo para que os mozos e mozas galegos se inscriban nalgún dos campos de traballo ofertados pola Consellería de Política Social.

Trátase dunha iniciativa encamiñada a favorecer e fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e o seu contorno a través da colaboración desinteresadas e voluntaria en traballos diversos que se levan a cabo en todas as comunidades autónomas e en distintos países.

Estes proxectos tamén representan unha alternativa de lecer e tempo libre baseada no intercambio de coñecementos e culturas, na práctica de deportes e nas visitas a lugares de interese turístico, histórico ou cultural.

Os campos de traballo porán a disposición neste verán 598 prazas –o que supón un incremento do 25% con respecto ás dúas anteriores convocatorias- para mozos e mozas galegos, do resto de comunidades autónomas e do estranxeiro, así como para voluntarios procedentes da Galicia exterior. Delas, 204 prazas resérvanse para a mocidade galega en primeira convocatoria.

Así mesmo, os rapaces e rapazas da nosa comunidade, poderán asistir a campos de traballo noutras comunidades autónomas e en países como Francia, Alemaña, Reino Unido, Bélxica, Italia, Grecia, Países Baixos, República Checa, Estonia, Letonia, Serbia, Ucraína, Islandia, Rusia, Turquía, Armenia, Kirguizistán, Xapón, Corea do Sur, Taiwan, Vietnam, Nepal, India e México. A oferta, en primeira convocatoria, é de 156 prazas nas distintas comunidades autónomas e 142 prazas no estranxeiro. Deste xeito, o número total de prazas para galegos en primeira convocatoria acada as 502.

Galicia contará nesta campaña cun total de 28 campos de traballo nos que se realizarán tarefas de tipo medioambiental, arqueolóxicas, de restauración, culturais e patrimoniais, audiovisuais e tarefas propias da organización dun festival.

Os campos de traballo están distribuídos polas catro provincias. Deste xeito, na Coruña desenvolverase esta iniciativa en Boqueixón, Ponteceso, As Pontes, Outes, Ribeira, Betanzos, Curtis, Rois, A Laracha, Vedra e Coirós. Na provincia de Lugo, haberá campos de traballo en Quiroga, Folgoso do Courel, Pantón, Portomarín e Xermade. En Ourense desenvolveranse na propia capital da provincia, en Esgos, Riós, Muíños e Celanova, e en Pontevedra nos concellos de Cerdedo- Cotobade, Vilanova de Arousa e tamén nas Illas Cíes.

No que respecta ao período de inscrición, o 11 de maio pecharase o prazo da primeira convocatoria en campos no estranxeiro e o 16 do mesmo mes para os campos doutras comunidades autónomas. O día 23 de maio abrirase a segunda convocatoria para os campos internacionais e pecharase o día 26; e o 1 de xuño abrirase a segunda convocatoria para campos doutras comunidades autónomas.

Campaña de Verán 2017

Os campos de traballo forman parte da Campaña de Verán 2017, xunto cos campamentos para menores de 18 anos, campamentos noutras Comunidades Autónomas, as actividades para maiores de 18 anos, a oferta concertada e a programación para mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

O obxectivo é que os mozos e mozas se divirtan durante o período estival e, ao mesmo tempo, que as actividades que se propoñen sirvan para o seu enriquecemento persoal e vital. Asemade, a programación de verán da Xunta contribúe a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral das familias durante a época estival. Así, a oferta total de prazas ascende a 9.572, 526 máis que en 2016, e o investimento global sitúase en 2,9 millóns de euros, un 11% máis que a anterior edición.

21 de abril de 2017 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.