publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Policía Autonómica esclarece un incendio que afectou a 70 hectáreas no Irixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO IrixoPortada dereitaSucesos
A-
A+

Axentes da Policía Autonómica de Ourense informaron hoxe da investigación dun home como presunto autor dun lume ocorrido no concello ourensán do Irixo, e que afectou preto de 70 hectáreas.

Os policías da Xefatura Territorial da Policía Autonómica de Ourense procederon a tomar declaración como investigado a un veciño do concello do Irixo, como presunto autor dun lume, ocorrido o pasado día 8 de abril deste ano, no lugar do Casar, no concello do Irixo. O lume produciuse, por mor dunha queima que estaba a realizar de restos forestais, non adoptando as debidas precaucións, e debido a un refacho de vento estendeuse pola finca, ardendo 30,82 hectáreas de arborado e 39 hectáreas de raso. Polos feitos instruíronse dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda do Carballiño.

Axentes da Policía Autonómica da Coruña investigaron tamén ao presunto autor dun incendio forestal, ocorrido o pasado día 9 no lugar de Mourente, no concello de Valdoviño (A Coruña), e que afectou a unha superficie de 300 metros cadrados de monte raso e eucaliptos. O incendio tivo lugar cando o investigado levou a cabo varias queimas de restos agrícolas e de poda, escapándose o lume que alcanzou a outra parcela colindante de eucaliptos. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda da Coruña.

No que vai de ano son 27 as persoas detidas ou investigadas pola Policía Autonómica como presuntos autores de incendios forestais.

A Consellería do Medio Rural lembra que permanecen prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais ata novo aviso. Está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.

17 de abril de 2017 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.