publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Policía Autonómica esclarece catro incendios forestais en Redondela, Baiona, Palas de Rei e Maceda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaLocal PortadaMacedaPalas de ReiPortada dereitaRedondelaSucesos
A-
A+

A Policía Autonómica esclareceu nos últimos días catro incendios forestais ocorridos nos concellos de Redondela e Baiona (Pontevedra), Palas de Rei (Lugo) e Maceda (Ourense).

Axentes de Vigo imputaron a un varón de 80 anos como presunto autor dun incendio ocorrido o pasado 7 de abril no lugar de Os Valos, parroquia de Saxamonde, no concello de Redondela. O lume produciuse pola suposta neglixencia do investigado á hora de realizar unha queima de restos forestais e afectou a un total de 1,20 hectáreas de terreo forestal arborado. Tramitáronse dilixencias remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Redondela.

Tamén na provincia de Pontevedra, a Policía Autonómica de Vigo procedeu á imputación dun varón como presunto autor dun incendio ocorrido o 18 de marzo no lugar de Medialdea, parroquia de Belesar, no concello de Baiona, que afectou a unha superficie arborada de 0,28 hectáreas. O lume produciuse cando o investigado estaba a realizar unha queima de restos forestais, supostamente de modo neglixente. Tramitáronse dilixencias remitidas ao Xulgado de Instrución número 6 de Vigo.

Axentes da Policía Autonómica de Lugo procederon á imputación dunha muller de 70 anos de idade como presunta autora dun lume ocorrido o 6 de abril no lugar de Pambre, no concello de Palas de Rei. O incendio produciuse cando a investigada se atopaba a facer unha queima de restos forestais, para a que non tiña a autorización adecuada e na que supostamente non estaba adoptando as debidas precaucións. O lume afectou a un total de 0,91 hectáreas de superficie arborada. Tramitáronse dilixencias remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Chantada.

Por último, a Policía Autonómica de Ourense procedeu á imputación dun varón como presunto autor dun incendio ocorrido o 7 de abril na parroquia de Casasoa, no concello de Maceda. O investigado estaba a realizar unha queima de restos forestais para a que supostamente non estaba adoptando as debidas precaucións. O lume afectou a 0,4 hectáreas. Tramitáronse dilixencias remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Ourense.

No que vai de ano son 25 as persoas detidas pola Policía da Xunta de Galicia como presuntos autores de incendios forestais.

12 de abril de 2017 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.