publicidade hoxe

A piques de rematar os traballos de consolidación previos á musealización do Castro Alobre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVilagarcía de Arousa
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou esta mañá Castro Alobre acompañada polo Deputado delegado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, e demais representantes do goberno local coincidindo coa visita guiada que realizaron arredor de 40 nenas e nenos de seis a oito anos, alumnado do Colexio Anexo á Lomba vilagarciano, que ademais recibiron cadanseu exemplar do libro “Os Bolechas van a Castro Alobre”, editado polo Concello de Vilagarcía. A Presidenta provincial asegurou que “as visitas son unha idea imprescindible que deberían copiar todos os gobernos locais dos concellos que contan con xacementos, xa que é unha extraordinaria maneira de que coñezan aos nosos e ás nosas antepasadas castrexas e romanas: a nosa historia, de onde vimos e as pegadas que nos deixaron”.

Carmela Silva lembrou que en Castro Alobre, que forma parte do protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a posta en valor de 18 castros da provincia de Pontevedra, “en 2016 traballamos na recuperación deste espazo e agora levamos preto de dous meses dende que se retomaron os traballos” cos obxectivos de “completar a escavación de dúas estruturas que xa estaban localizadas e realizar a consolidación que permita que non se perdan todos os achados”. Carmela Silva sinalou que entre 2016 e 2017 “estamos a falar de máis de 500 metros escavados” e asegurou que “os traballos de conservación están a piques de rematar”.

Despois desta fase, corresponderalle ao Ministerio de Fomento proceder a iniciar o proxecto de musealización, para o que Carmela Silva indicou que “estamos pendentes de que se aproben os orzamentos do Estado para 2017”. A Presidenta provincial lembrou que o orzamento deste proxecto de musealización contempla 1,5 millóns de euros para 2017 e 2,5 millóns para 2018 e que a empresa xa estivo traballando no terreo do Castro Alobre, polo que “este será un dos castros nos que comecen máis axiña eses traballos”. Carmela Silva adiantou que “tras consolidar este espazo e proceder á musealización, sinalización e posta en valor, teremos que seguir falando de escavar máis –nun futuro non moi próximo– porque segue a haber moita riqueza que explorar e salvagardar”. A Presidenta provincial asegurou que “Castro Alobre segue a ser un lugar onde se atopan moitos restos, que nos fala de que este era un castro moi avanzado, que se dedicaba ao comercio e que é un dos máis senlleiros e relevantes dos que temos na provincia de Pontevedra”.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, agradeceu á Deputación de Pontevedra pola súa “sensibilidade co noso patrimonio, que está máis que demostrada”. “Cónstame a xestión da Presidenta co propio Ministerio de Fomento”, asegurou, “para que non se retrase a musealización, e temos que esixirlles que cumpran o compromiso que se asinou, cuxa parte a Deputación cumpriu máis que amplamente, polo que esperamos que o Ministerio tamén estea á altura”.

Carmela Silva sinalou que nesta última fase de escavación en Castro Alobre acháronse máis dun millar de novas pezas e unha nova estrutura circular de máis de seis metros de diámetro. Entre os achados descubertos destacan os bronces, en especial tres fíbulas, en excelente estado de conservación, datadas entre os séculos II a.C. e o I d.C. que se empregaban para suxeitar as prendas da vestimenta. Durante a consolidación do xacemento tamén se atopou un instrumento, o de maior valor, para o coidado corporal: unha culleriña de bronce amartelado empregada para a hixiene do oído e datada de entre os séculos I e II d.C. Outro dos elementos máis singulares, afirmou a Presidenta provincial, foi “o mango dun coitelo fabricado en bronce e que estaba enterrado no pavimento máis antigo dunha das estruturas que foron aquí localizadas”.

A Escola Infantil de Vilaxoán construirase con 700.000 € do “Plan Concellos 2016”

Carmela Silva tamén visitou hoxe os terreos onde se instalará a Escola Infantil de Vilaxoán, cuxa construción comezará esta semana, e que recibiu unha achega da Deputación de Pontevedra situada en 701.480 € a través da liña 1 do “Plan Concellos 2016”. A Presidenta provincial lembrou que “esta é unha obra historicamente demandada polas veciñas e veciños de Vilaxoán, que o equipo de Goberno de Vilagarcía converteu nunha realidade”. O edificio contará con dúas aulas para nenos de ata 1 ano de idade, dúas aulas para cativas e cativos de 1 a 2 anos e outras dúas aulas máis para nenas e nenos de entre 2 e 3 anos, un total de 82 prazas.

Carmela Silva felicitou “ao alcalde e o seu goberno porque como Presidenta da institución provincial non hai nada máis satisfactorio que os recursos empregados para o que consideramos máis relevante: a educación e a atención a todas as rapazas e rapaces, especialmente como muller comprometida coa Igualdade e coas actuacións que permiten a conciliación”. Pola súa banda, Alberto Varela felicitou á Deputación de Pontevedra “polo seu modelo de Goberno, rachando por completo co anterior, que é o de escoitar aos gobernos locais, dándolles a oportunidade de elixir e dar prioridade aos proxectos que consideramos”.

A presidenta provincial sinalou que “Vilagarcía é un dos concellos que máis rapidamente solicitan proxectos no Plan Concellos” –ao abeiro do cal o concello arousán recibe este ano preto de 1.400.000 €–, ao ter xa solicitada a liña 3 “que permitirá a creación de 34 empregos con 315.000 €” e todas as obras da liña 1 de investimentos “que ascenden a un total de máis de 900.000 € e que inclúen unha obra moi relevante de humanización dunha das súas prazas más senlleiras, isto é, devolverlle á xente o espazo que é seu”, declarou Carmela Silva.

18 de abril de 2017 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.