publicidade hoxe

A obra de Marta Cuba chega a Salvaterra da man de “Mulleres en acción. Violencia zero”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSalvaterra de Miño
A-
A+

A deputada delegada de Igualdade, Isaura Abelairas, asistiu hoxe acompañada pola 1ª tenente de alcalde de Salvaterra de Miño, Marta Valcarcel Gómez, á obra “2 letras de diferenza” da artista galega Marta Cuba, iniciativa enmarcada dentro do programa “Mulleres en acción: Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra, un proxecto de acción artística contemporánea que se desenvolve no espazo público co fin de reivindicar a igualdade de xénero, concienciar a poboación do problema da violencia machista e, sobre todo, para tratar de unir forzas para loitar contra esta lacra presente na sociedade.

Isaura Abelairas insistiu no compromiso da institución provincial na loita contra a violencia de xénero e lembrou que as cifras seguen a ser moi preocupantes xa que, no que levamos de 2017, 20 mulleres foron asasinadas a man das súas parellas ou exparellas, e catro casos máis aínda se atopan baixo investigación. Así mesmo, quixo poñer o foco de atención no estado actual da problemática da violencia machista en Galicia e destacou a importancia de impulsar e dar visibilidade aos traballos de denuncia de a artistas novas galegas que están a falar desta cuestión, mulleres que ocupan un espazo moi relevante no mundo artístico e cultural e que, ademais, teñen un compromiso claro coa igualdade e loita contra as violencias machistas como é o caso de Marta Cuba.

Marta Cuba compaxina o seu traballo de deseñadora gráfica coa montaxe de pezas nas que integra improvisación, danza, fotomontaxe ou acción. A súa obra “Lugar de paso” estreouse na sala Normal en xuño de 2013 e o seu traballo “Mo-vernos” en outubro de 2014. Cuba tamén é integrante da compañía Mudanza, creada en 2014 e na que codirixe pezas coma “Ur-vanos”, estreada no festival Cartografías en Movemento de Lugo en 2015, e “Sintética”, estreada no Teatro Rosalía de Castro da Coruña en abril de 2016.

Esta edición do programa “Mulleres en acción: violencia zero” recolle 25 accións de arte contemporánea nas súas diferentes modalidades (pintura, música, danza, teatro, poesía, graffiti ou performance), que se levarán a cabo ata novembro de 2017 en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui).

As actividades programadas pola Deputación de Pontevedra funcionarán como arma de visibilización e de reflexión, para promover una sociedade igualitaria entre homes e mulleres, sen discriminación nin violencia, cos mesmos dereitos e deberes. Estas accións foron organizadas en colaboración conxunta cos concellos participantes e co apoio de asociacións de loita pola igualdade de xénero.

18 de abril de 2017 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.