publicidade hoxe

A mocidade galego-cubana amósase interesada nas Bolsas Excelencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, viaxa hoxe ata a provincia de Villa Clara, no interior da illa de Cuba, na súa nova viaxe ao país para achegarse ata as cidades e vilas afastadas da Habana e nas que reside un número significativo de galegas e galegos.

Cómpre lembrar que residen arestora na República de Cuba un total de 40.750 galegas e galegos, dos que 40.300 (o 98’9 %) naceron xa na diáspora, pero manteñen unha fonda ligazón persoal e familiar coa terra de orixe. “Sodes unha fortaleza para nós, unha oportunidade de sementar Galicia tamén aquí, no país que hai décadas foi refuxio e futuro para moitos paisanos nosos”, asegurou onte o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, ante a mocidade cubana con nacionalidade española e orixe galega.

A elas e eles presentou as novas ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, cuxo prazo de solicitude está xa aberto e esténdese ata o 31 de maio. O Goberno galego posibilita, con estas axudas, que titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao ou similar, cursen un máster nalgunha das tres universidades galegas.

Esta nova medida despertou un importante interese tamén entre a mocidade cubana, como xa o fixera entre a arxentina, a uruguaia e a venezolana, ante as cales Miranda tivo xa ocasión de explicar as liñas xerais. Con esta iniciativa, Galicia o talento máis brillante de entre as mozas e os mozos residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral, e contribuíndo a fixar novos residentes no territorio.

Co embaixador

O alto mandatario autonómico mantivo un encontro institucional co embaixador de España en Cuba, Juan José Buitrago, quen se acaba de incorporar ao seu cargo. Miranda e Buitrago conversaron sobre a actualidade e as circunstancias da colectividade galega en Cuba, e renovaron o compromiso de mutua e total colaboración entre ambas administracións que, entre outros aspectos salientables, derivou co anterior embaixador na organización de dúas viaxes á illa do Presidente Feijóo, e que facilitou a celebración do XI Consello de Comunidades Galegas na Habana. Canda ambos, estiveron presentes na reunión o ministro conselleiro da Embaixada, Rafael Rey, e mailo xefe da Consellería de Emprego e Seguridade Social Laboral da legación española, Jesús Chacón.

Ademais, Rodríguez Miranda mantivo respectivas xuntanzas de traballo co presidente da Federación de Sociedades Galegas na República de Cuba, Sergio Toledo, e cos outros representantes das entidades galegas presentes na illa, para coñecer de primeira man a realidade máis actual das colectividades galegas alí residentes.

25 de abril de 2017 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.