publicidade hoxe

A infraestrutura verde da área metropolitana da Coruña será o exemplo para implantar no resto de Galicia esta iniciativa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+
Intervención de Beatriz Mato no almorzo-coloquio. Foto: M. Fuentes

Intervención de Beatriz Mato no almorzo-coloquio. Foto: M. Fuentes

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou esta tarde que a Infraestrutura verde da área metropolitana da Coruña será o modelo que se seguirá para implantar esta iniciativa no resto da Comunidade Autónoma.

Así o puxo de manifesto durante a súa intervención no almorzo-coloquio Ferramentas do futuro para unha Galicia responsable, sustentable e ordenada, organizado polo Club Financeiro Atlántico da Coruña, onde indicou que esta iniciativa consistirá na avaliación dos servizos ecosistémicos, a análise da conectividade ecolóxica, a delimitación do ámbito da infraestrutura verde e a súa zonificación. Aclarou que será una iniciativa que se leve a cabo no marco dun proceso de participación pública e divulgación e que conta cun investimento de 180.000 euros.

Neste proxecto xa están inmersos varias entidades coruñesas, como a Escola Galega da Paisaxe, a través da Fundación Juana de Vega, e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, que participarán no estudo das potencialidades da infraestrutura verde para o desenvolvemento económico da zona e o deseño de propostas de actuación.

Trátase dun proxecto piloto que se estenderá na Infraestrutura Verde de Galicia, na que o Instituto de Estudo do Territorio, colaborará con dous grupos de investigación da Universidade da Coruña e á que se destinará 320.000 euros que garantan o seu desenvolvemento.

Na súa intervención a conselleira destacou que falar de Coruña implica falar da Ría do Burgo, á que se destinarán os principais investimentos grazas a dúas actuacións que suman un importe de seis millóns de euros. Unha delas, cuxo inicio se prevé para finais deste mesmo mes, é a construción dun tanque de tormentas en Santa Cruz, en substitución do actual bombeo e que implica un investimento de 3,8 millóns de euros. Grazas a esta actuación eliminaranse as verteduras que na actualidade se teñen inventariado.

Outra das actuacións é a optimización do funcionamento dos bombeos de Temple e A Pasaxe mediante a construción dun sifón na ría do Burgo e cuxa previsión de inicio é este mesmo verán. Esta obra permitirá permitirá diminuír os alivios ao medio, asumir máis caudal e mellorar a eficiencia enerxética do sistema.

Aclarou que estas dúas actuacións, que executa Augas de Galicia, precederán a actuación de dragado da ría que executará o Ministerio de Medio Ambiente que ven de anunciar un orzamento dun millón de euros nas súa contas para o 2017 e que chegarán a seis millóns de euros ata o ano 2020.

Economía circular

A conselleira de Medio Ambiente explicou que a Unión Europea xa fixou na súa axenda a necesidade de implantar a economía circular, que ten o potencial de resolver retos ambientais e, paralelamente, proporciona oportunidades de negocio e crecemento económico, polo que se abren múltiples posibilidades para os empresarios da Coruña.

Explicou que un dos retos fundamentais aos que a sociedade e o tecido empresarial de sebe enfrontar é mellorar a xestión dos residuos, tratando de reducir ao máximo a súa produción e, cando iso sexa posible, obtendo o maior aproveitamento dos recursos presentes neles. Salientou a necesidade estudar vías de colaboración no ámbito da xestión dos residuos, con xornadas informativas sobre normativa, a implantación de técnicas máis eficientes para tratalos ou na redución do perigo e o volume dos residuos xerados.

Neste senso, avanzou que no mes de maio celebrarase en Coruña unha xornada sobre a xestión dos residuos na economía circular, organizada pola Consellería en colaboración con Xógama e na que participará Jean Pierre Hannequart, o presidente de honra da Fundación para a Economía Circular e unha das máximas autoridades mundiais na materia.

Para concluír, indicou que o obxectivo das políticas ao longo dos vindeiros catro anos é precisamente que Galicia non se quede atrás, que converxa coas rexións europeas máis avanzadas en materia de medio ambiente, e que nos próximos anos se poida situar á cabeza. A conselleira destacou que o período actual, que ten como horizonte o 2020, “é para a Xunta de Galicia a lexislatura da aposta decidida polo natural, polo verde e polo azul”, en definitiva da “Galicia é natural e única, que estamos a promover”.

6 de abril de 2017 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.