publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra impulsa o certificado SICTED entre o sector turístico da Guarda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GuardaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra impulsa ao longo deste ano un plan de asesoramento gratuíto entre as empresas turísticas da provincia para implantar o certificado de calidade SICTED. O deputado de Turismo, Santos Héctor, subliñou hoxe nunha sesión informativa sobre o proxecto, que tivo lugar na localidade da Guarda, que xa son máis de cincuenta as empresas de toda a provincia que teñen solicitada a súa inclusión no certificado de calidade turística desde que se comezou a campaña. Santos Héctor estivo acompañado na presentación polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a deputada provincial e concelleira, Montse Magallanes e por Tania Abalde, da consultora que implanta o SICTED.

Segundo destacou Santos Héctor “queremos converter esta comarca nun referente como destino turístico e implantar sistemas que certifiquen a calidade dos nosos establecementos e servizos turísticos supoñerá dar un plus de excelencia para unha localidade tan turística como A Guarda”.

O deputado de Turismo destacou que neste intre existen 203 empresas na provincia que contan co certificado SICTED e que a previsión é que este ano se incremente a cifra ate case acadar as trescentas empresas. De feito, Santos Héctor subliñou que nestes primeiros encontros co sector a demanda das persoas interesadas está sendo moi importante achegándose a máis de cincuenta empresas que solicitaron a súa inclusión no SICTED.

Tania Abalde, responsable da empresa consultora que vai implantar a certificación, insistiu en que a metodoloxía e os requisitos son esixidos pola Secretaría de Turismo do Goberno de España, que é quen finalmente outorga a distinción.

Para poder optar á certificación, as empresas deben estar englobadas nalgún dos 32 oficios que identifica o SICTED, que son: praias; bares e cafeterías; axencias de viaxes; guías turísticos; seguridade cidadá; comercios; cámpings; adegas; portos deportivos; palacios de congresos; hoteis e apartamentos; turismo industrial; servizos de limpeza; taxis; albergues; convention bureaus; outros servizos; aloxamentos rurais; artesáns; atraque de cruceiros e ferries; servizos turísticos de saúde; empresas de transporte turístico; estacións de esquí e montaña; espazos naturais protexidos; oficinas de información turística; museos e centros de interese turístico; empresas de turismo activo; escolas de español para estranxeiros; aluguer de vehículos e embarcacións de recreo; campos de golf e campos de pitch&putt; restaurantes e empresas turísticas de cátering.

As empresas terán ata o próximo día 14 de setembro para adherirse ao proxecto. Posteriormente, abrirase un proceso de formación e asesoramento individual a cada empresa para concluír coa avaliación final. Por último, será Turismo Rías Baixas quen valore as propostas que finalmente obteñan a certificación.

20 de abril de 2017 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.