publicidade hoxe

A Deputación da Coruña organiza en Betanzos unha feira cos dezaoito concellos do Camiño Inglés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBetanzos
A-
A+

A Deputación da Coruña converterá Betanzos no epicentro do Camiño Inglés coa celebración dunha feira que reunirá, por primeira vez, aos dezaoito concellos coruñeses polos que pasa este itinerario xacobeo.

O evento, que terá lugar este sábado, 22 de abril, na praza Irmáns García Naveira, enmárcase na campaña “Primavera no Camiño Inglés” coa que a Deputación da Coruña pretende divulgar os múltiples atractivos etnográficos, culturais e naturais cos que conta esta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

“O obxectivo é unir as forzas da Deputación e dos concellos para aproveitar o enorme potencial turístico e económico deste singular camiño xacobeo que discorre integramente pola provincia da Coruña” explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que o sábado será o encargado da inauguración do evento, xunto ao alcalde de Betanzos, Ramón García, a directora xeral de Turismo, Nava Castro, e varios do rexedores dos municipios polos que pasa o Camiño Inglés.

Unha gran senda verde atravesará o centro da praza García Irmáns, indicando a zona pola que discorre o Camiño cara a Santiago. Nos seus laterais, dúas carpas de máis de 160 metros cadrados acollerán os dezaoito postos nos que os concellos polos que pasa o Camiño Inglés (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago) darán a coñecer a súa variada oferta turística, cultural e gastronómica con distintas actividades.

Gastronomía, música e danza

Na carpa central, desenvolveranse ao longo da xornada sesións de showcooking en vivo e degustacións de produtos típicos de distintos puntos da provincia da Coruña como a tortilla de Betanzos, as troitas de Oroso, o pan de Carral, a empanada de Neda, o queique de Ordes, a proia de Pontedeume ou o viño Branco Lexítimo da comarca de Betanzos, ofrecendo aos visitantes un completo percorrido gastronómico cos sabores máis característicos do Camiño Inglés.

O evento contará tamén con actuacións de música e danza tradicional a cargo das agrupacións “Airiños” de Fene, “O Castro” de Miño, “Lucero del Alba” de Neda, “Ancoradoira” de Culleredo, “Arnela” de Carral e “Airiños do Frade” de Cabanas, entre outras; así como demostracións de artesanía en vivo como as que desenvolverán as fiandeiras de Cabanas ou os ourives de Santiago de Compostela.

Ciclo de conferencias e novo material divulgativo

Dentro da aposta estratéxica da Deputación da Coruña polo Camiño Inglés tamén se inclúe o ciclo de conferencias divulgativas sobre a historia da ruta e os seus múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e arquitectónicos, a cargo do xornalista Cristóbal Ramírez, presidente durante vinte anos da Asociación de Xornalistas do Camiño de Santiago e experto en divulgación das rutas xacobeas.

Tras recalar en Narón, Fene, Cambre e Abegondo, o vindeiro xoves 20 de abril, ás 20 horas, o Salón Azul do Liceo de Betanzos acollerá esta conferencia, que posteriormente tamén terá lugar en Carral, Oroso e Pontedeume.

Para impulsar a afluencia de visitantes aos 18 concellos, a Deputación tamén vén de editar novo material de promoción, que inclúe folletos informativos de cada unha das etapas, nos que se describen algúns dos lugares de interese que os peregrinos atoparán durante a viaxe: bosques frondosos, praias de augas cristalinas, antigos faros e cruceiros e camiños rurais cheos de historia.

17 de abril de 2017 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.