publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación da Coruña financia a cuberta para o polideportivo de Moeche

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMoeche
A-
A+

A Deputación da Coruña achegará preto de 84.000 euros ao Concello de Moeche para financiar diversas obras de reparación e mellora do pavillón municipal de deportes de San Ramón. A comisión de Cooperación e Asistencia a Municipios vén de aprobar este convenio de colaboración, que será ratificado polo Pleno da corporación provincial o vindeiro venres 28 de abril.

A achega provincial permitirá sufragar o 80% do custo total destes traballos, estimado en 104.986,15 euros, cos que se pretende eliminar os problemas de goteiras, mellorar o illamento térmico e acústico do interior e renovar a zona de baños e vestiarios anexa, incrementando a funcionalidade e a estética do espazo.

As obras, que terán unha duración estimada de tres meses, incluirán a retirada da cuberta actual, a base de chapa metálica simple de 0,6 milímetros de espesor, e a súa substitución por unha nova cuberta de panel sándwich formado por dúas chapas exteriores de aceiro galvanizado e unha capa intermedia de 50 milímetros de lana de roca, que actuará coma illante.

Así mesmo, colocaranse canalóns e baixantes de pluviais na nova cuberta substituíndo os actuais que se atopan deteriorados e provocan infiltracións de auga e os consecuentes danos nas unións e fixacións da estrutura.

Por último, tamén se substituirán as dúas portas de acceso ao pavillón pola fachada suroeste, repintarase o zócalo perimetral da pista polideportiva multiusos e repararanse outros desperfectos do graderío.

Renovación completa da zona dos vestiarios

O proxecto financiado pola Deputación inclúe tamén varias intervencións na edificación anexa ao pavillón que alberga os vestiarios, os baños e outras estancias.

O interior destas estancias será totalmente remodelado, reparando os alicatados e saneando o resto das paredes, mediante lixado, capa de morteiro de cemento e dúas capas de pintura plástica.
O polideportivo contará con 8 inodoros, 8 pratos de ducha e 6 lavabos novos, en substitución das antigas instalacións, moi avellentadas e en mal estado. Así mesmo, renovaranse tamén pequenos equipamentos coma espellos, papeleiras, percheiros ou alfombras de baño.

Para asegurar o funcionamento correcto e eficiente dos novos equipamentos, tamén se renovará integramente a rede de fontanería do interior do pavillón, dende a arqueta da acometida xeral de abastecemento ata os vestiarios.

Por último, repintarase o exterior destas instalacións, incluíndo o lixado e o enfoscado con morteiro de cemento para igualar a superficie, e a posterior aplicación de dúas capas de pintura para exteriores.

25 de abril de 2017 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.