publicidade hoxe

A Consellería do Mar inviste 200.000 euros na mellora dos pantaláns do porto de Burela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurela
A-
A+

A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, vén de investir 200.000 euros na mellora dos pantaláns do porto lucense de Burela. Así o comunicaron esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, nunha visita ao porto.

Durán Hermida explicou que as actuacións de mellora das instalacións realizadas foron catro. Dúas centradas na instalación de dous novos pantaláns pesqueiros, os número 1 e 2; outra para a instalación de fingers pilotados no pantalán pesqueiro número 1; e unha cuarta de mantemento dos pantaláns de naútica 3 e 4.

En relación ao pantalán número 1, substituíuse o existente aproveitando a rampla e a porta de acceso do anterior e instaláronse tres módulos de pantalán superreforzado de 3 metros de ancho e 12 de lonxitude. A continuación, a petición da confraría de Pescadores de Burela, instaláronse neste pantalán fingers de 10 metros reforzados mediante pilotes.

En canto ao pantalán número 2, substituíuse o existente ata agora por tres novos módulos de pantalán superreforzado de 3 metros de ancho e 12 de lonxitude, conformando unha liña total de atraque de 36 metros de longo. Finalmente, polo que respecta ao pantaláns 3 e 4, Portos de Galicia efectuou traballos de mantemento centrados fundamentalmente na reposición do pavimento e na limpeza e repintado dos aneis de amarre.

Estas actuacións súmanse ás executadas previamente para a mellora doutras infraestruturas tamén no porto de Burela. Así, Portos de Galicia executou tamén a pavimentación dunha explanada de traballo, a reparación das cubertas de dúas naves de redes e a instalación de defensas e medios de amarre no peirao. Así, en total, o investimento no porto de Burela nos últimos dous anos ascende a 300.000 euros.

20 de abril de 2017 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.