publicidade hoxe

A Consellería do Mar incrementa en 500.000 euros as axudas a proxectos dos GALP

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuLocal Portada
A-
A+

A Consellería do Mar vén de incrementar a 16,3 millóns de euros o crédito da convocatoria de axudas de 2017 aos proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) que redunden en beneficio para as zonas litorais de Galicia. Esta convocatoria, cofinanciada co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), contaba cun crédito inicial de 15,8 millóns de euros, que se viu ampliado en preto de 500.000 euros. Unha cantidade económica que se pon a disposición dos GALP para desenvolver proxectos no marco das súas estratexias durante os anos 2017,2018 e 2019.

Así o recordou hoxe a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante unha visita en Bueu, realizada aos proxectos Cintapesc e Varamar, do Grupo de acción local do sector pesqueiro da ría de Pontevedra. Alí estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

O proxecto Cintapesc consiste nun sistema automatizado de poxa instalado na lonxa de Bueu que, segundo destacou a conselleira, supón unha mellora das infraestruturas e permite optimizar os procesos de identificación, pesaxe, etiquetado e venda do produto. De feito, este sistema posibilita a participación de usuarios non presentes na lonxa mediante a integración de procesos de venda on line e o seguimento das transaccións e actividade de venda por parte do público situado nas zonas de visitas e/ou a través da canle de internet.

A outra iniciativa que visitou a conselleira, denominada Varamar, inclúe diferentes melloras de servizos para a frota no varadoiro de Bueu como un sistema de subministro de electricidade e auga automático, que contribúe á mellora das necesidades para o mantemento e reparación das embarcacións, explicou Rosa Quintana. Así, o obxectivo desta iniciativa é dar o servizo a través duns illotes e accédese a el mediante tarxetas de identificación por radiofrecuencia (RFID) coa finalidade de non depender de horarios para a súa utilización.

Ambas iniciativas, subliñou a titular de Mar, son promovidas pola confraría de pescadores de Bueu e foron subvencionados pola Xunta no marco da convocatoria de 2016 das axudas a proxectos dos GALP. Neste sentido, lembrou que o ano pasado se beneficiaron destas achegas un total de 99 proxectos por un importe de preto de 6 millóns de euros e que a súa finalidade é impulsar iniciativas que contribúan, entre outros aspectos, a aumentar o emprego e a cohesión territorial nas comunidades pesqueiras e acuícolas.

Tamén son obxecto destas subvencións aqueles proxectos que contribúan a diversificar as actividades realizadas no eido do mar, a promover a innovación en todas as fases da cadea de subministración dos produtos da pesca e da acuicultura e a fomentar o patrimonio cultural pesqueiro.

19 de abril de 2017 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.