publicidade hoxe

A comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural da Deputación abordará o Plan Especial de Cooperación ás obras e servizos de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+

As comisións informativas da Deputación de Ourense celebran as súas reunións hoxe mércores, 19 de abril e mañá xoves, 20 de abril, no Pazo Provincial. Nas xuntanzas de hoxe celebraranse as comisións de cooperación, facenda e transparencia, sendo a quenda das de cultura, termalismo e igualdade, ao día seguinte.

Na comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural tratarase o Plan Especial de Cooperación ás obras e servizos do Concello de Ourense (2017-2018) para a asistencia económica da Deputación, ás obras, todas elas de competencia municipal, promovidas polo Concello de Ourense. Para este Plan, a Deputación de Ourense achegará un orzamento total de 100.000 euros, sendo o importe destinado para cada unha das 25 obras recollidas neste Plan de 4.000 euros.

Ademais, na reunión abordarase a expropiación forzosa para a execución da obra “ensanche na OU-0210 Leirado-Pontedeva”, no municipio de Quintela de Leirado.

Na comisión de Transparencia e Administración Provincial abordarase o Plan de ordenación de Recursos Humanos da Deputación de Ourense para o exercicio 2017, por unha parte, a resolución das alegacións formuladas e, por outra, a súa aprobación definitiva conforme ao documento aprobado inicialmente no Pleno do 25 de novembro de 2016, coas modificacións recollidas, ordenando a súa publicación no BOP e na sede electrónica da Deputación, así como a súa remisión á Administración Xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na comisión Especial de Contas e de Facenda e Economía trataranse tres delegacións na Deputación das competencias de Concellos da provincia en materia de recadación. En concreto, a delegación na Deputación do exercicio das competencias do Concello de Trasmiras, relativas ás facultades que os concellos teñen atribuídas en materia de recadación de gastos derivados de execucións forzosas de actos administrativos, a delegación na Deputación do exercicio das facultades do Concello de Vilamartín de Valdeorras para a recadación de multas coercitivas e custas xudiciais e, por último, a delegación no goberno provincial das facultades que o Concello de Boborás ten atribuídas en materia de recadación executiva da taxa polo abastecemento, depuración, saneamento e demais conceptos do ciclo da auga.

Por outra parte, na reunión abordarase o expediente nº 1/2017 de modificación de créditos do Consorcio provincial de Ourense para a prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, que ascende á cifra total de 1.240.317,28 euros. Asemade, tratarase o expediente nº 2/2017 para a modificación de créditos nos vixentes orzamentos da Deputación que ascende á cifra total de 4.750.104,37 euros.

Na xornada de mañá, na comisión informativa de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente abordaranse cinco modificacións de convenios de colaboración en materia de Medio Ambiente. Concretamente, tratarase a modificación do convenio marco de colaboración coas entidades locais da provincia para a prestación de asistencia técnica de xestión de concesións demaniais de abastecemento de auga potable. A seguinte modificación afectaría ao convenio marco de asistencia técnica aos municipios e demais entidades para o control e mantemento de depuradoras compactas.

A terceira e cuarta modificacións corresponden aos convenios marco de colaboración coas entidades locais da provincia para a prestación de asistencia técnica: en materia de xestión de autorizacións de vertidos de augas residuais urbanas municipais durante os exercicios 2015 e seguintes, e para a explotación de estacións depuradoras de augas residuais de tipo biolóxico e biodiscos durante os exercicios 2015 e seguintes.

A última modificación a tratar afectaría ao convenio marco de colaboración entre a Deputación de Ourense e os concellos e mancomunidades da provincia para o cumprimento das obrigas municipais en materia de augas, destinadas ao consumo humano previstas no Real Decreto 140/2003, do 7 de febreiro, durante os exercicios 2017 e seguintes.

19 de abril de 2017 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.