publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Asociación Galega de Áridos lanza a súa nova web arigal.gal

Valentín García na presentación da nova web

Valentín García na presentación da nova web

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe á mañá na rolda de prensa de presentación do novo web da Asociación Galega de Áridos-ARIGAL, entidade que integra un total de 60 empresas que supoñen o 93% das especializadas no sector dos áridos en Galicia e que participa nas accións de desenvolvemento do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico impulsado pola Xunta, aprobado en agosto do ano pasado.

García Gómez destacou “o compromiso de ARIGAL coa lingua propia de Galicia, desde as súas accións de responsabilidade social co territorio e coa comunidade na que se asenta esta industria que leva xa case 20 anos liderando o seu sector e impulsando diversos proxectos de innovación orientados a modernizar o funcionamento das súas empresas asociadas para facelas máis eficaces e competitivas, un exemplo de que a responsabilidade e innovación social van da man do idioma galego”.

O novo web corporativo de ARIGAL, www.arigal.gal, incorpora un deseño máis visual e adaptado para o seu acceso desde dispositivos móbiles, a canle de acceso a internet de maior cremento arestora, cunha estrutura máis clara e simplificada. Participaron tamén na rolda de prensa o presidente da entidade, José Lista Tasende, e o seu director, Carlos Martínez Torres.

Máis galego na economía e na empresa

Desde agosto de 2016, Galicia conta por vez primeira cun Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico, unha folla de ruta elaborada en colaboración con 314 axentes do ámbito socioeconómico que ten como meta desenvolver as directrices aprobadas por unanimidade do Parlamento galego no ano 2004 no marco do sector 4 do Plan xeral de normalización da lingua galega.

Con el, búscanse tres obxectivos estratéxicos principais para aumentar o uso do galego na economía e na empresa: crear conciencia de que o uso do galego favorece os resultados e obxectivos empresariais e as relación laborais, comerciais e bancarias; estender o uso da lingua galega no ámbito económico, nas relacións laborais, comerciais e empresariais, tanto na oferta coma na demanda de produtos e servizos; e utilizar o idioma para impulsar unha imaxe de marca diferencial propia de Galicia e os seus produtos vinculada á calidade e á innovación e que lles transmita confianza ás persoas consumidoras e ao empresariado.

Recolle un amplo abano de accións e medidas -81 en total- encamiñadas a darlle cumprimento aos obxectivos de reforzar e aumentar a presenza do galego no sector da economía, non só para ampliar os lazos comerciais das empresas galegas, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade tendo en conta o importante papel que xogan as empresas á hora de crearen dinámicas de promoción do uso da lingua propia de Galicia. Todas elas buscan incidir no incremento do uso do galego e na súa visibilidade desde as dez áreas que contempla o sector: hostalería, comercio, alimentación, TIC, construción e inmobles, banca, asesoramento e intermediación, axencias de publicidade, área de traballo e cooperativismo.

17 de abril de 2017 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.