publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xunta e Afaga porán en funcionamento un novo servizo de estimulación terapéutica para enfermos de alzhéimer en Tui

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTui
A-
A+

A Xunta de Galicia, en colaboración coa Asociación de Familiares Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (Afaga), porá en marcha nas vindeiras semanas un novo servizo de promoción da autonomía persoal no municipio pontevedrés de Tui. Nomeadamente, un servizo de estimulación terapéutica de alzhéimer. Esta mañá visitaban as futuras instalacións a a subdirectora xeral de Recursos residencias e Atención diúrna, Carmen Calviño, a xefa territorial da Consellería de Política Social, Marta Iglesias, o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, así como o alcalde Enrique Cabaleiro.

O servizo ocupará a planta baixa da antiga escola de Chans, en Randufe, que foi cedida polo concello, e que ten unha superficie útil de 110 metros cadrados. Na mesma desenvolveranse talleres de estimulación cognitiva e funcional para enfermos leves e moderados, ademais doutras actividades dirixidas á mellora da calidade de vida das persoas enfermas e das súas familias.

Cómpre indicar que este novo servizo específico de atención terapéutica é un dos seis que a Xunta porá en marcha noutros tantos municipios de Galicia e que xa están contratados: Santiago de Compostela, A Estrada, Marín, Ourense, As Nogais e Tui. En total son 60 novas prazas –10 en cada emprazamento- para atender as persoas que teñen os primeiros síntomas desta doenza e así poder actuar canto antes e, na medida do posible, previr e atrasar o avance da mesma.

O importe da contratación destes novos servizos, na modalidade de concerto, ascende a 133.164 euros, dos cales a Xunta achega o 80% -106.596 euros- e o 20% restante corresponde coa participación económica dos usuarios e usuarias do servizo.

21 de marzo de 2017 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.