publicidade hoxe

Turismo de Galicia promociónase na feira ITB de Berlín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Nava Castro cunha delegación de empresarios do Clúster galego

Nava Castro cunha delegación de empresarios do Clúster galego

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada por unha delegación de máis de trinta empresarios pertencentes ao Clúster galego do sector encabezan dende hoxe a misión turística galega presente na Internationale Tourism Börse, ITB, de Berlín, para promover a oferta e os espazos turísticos galegos no mercado alemán, o segundo mercado emisor máis importante en Galicia.

Trátase dun dos encontros máis importantes do mundo para a industria turística e unha cita imprescindible na axenda anual de Turismo de Galicia, que nesta edición e por terceiro ano consecutivo, aposta pola colaboración público-privada, incluíndo no stand unha área para os encontros comerciais de profesionais.

Dende hoxe e ata o 12 de marzo, os asistentes á ITB coñecerán a ampla oferta turística da nosa comunidade, especialmente daqueles recursos e produtos de especial relevancia para o mercado alemán.

Así, Turismo de Galicia promocionará o Camiño de Santiago e produtos como Paseando entre viñedos, centrado nos recursos enoturísticos da nosa comunidade; Mananciais de Galicia, sobre o potencial do noso termalismo; o Turismo Mariñeiro, coa nosa costa como principal recurso; o patrimonio cultural, con Santuarios Máxicos e Patrimonio Oculto; as praias, con Faros e Praias Salvaxes; a natureza, coa Ruta da Camelia e Bosques de Galicia, así como as contornas máis senlleiras do territorio galego a través dos Lugares Únicos.

Máis de 180.000 visitantes á feira

Ademais, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, manterá durante os días do certame diferentes reunións e encontros con diversos turoperadores e axentes de viaxes co obxectivo de establecer novos contactos comerciais, tanto con aqueles turoperadores que xa traballan o destino Galicia como con aqueles que teñen previsto incluír a nosa comunidade entre a súa oferta.

Na súa 51ª edición está prevista a presenza na ITB de máis de 10.000 empresas de 184 países que presentarán os seus produtos máis novos e as últimas tendencias do sector global. A cita reúne ano a ano a numerosos asistentes, superando, en 2016 os 180.000 visitantes.

Niveis históricos de demanda do mercado alemán

Coa presenza na ITB, Turismo de Galicia consolida o seu traballo no mercado turístico alemán, o segundo en orde de importancia dentro do segmento internacional. Con máis de 163.000 viaxeiros aloxados e preto de 250.000 pernoitas nos establecementos de Galicia, o mercado alemán consolidouse o ano pasado como o segundo, só por detrás de Portugal, representando o 10,8% do total internacional.

Este mercado amosou, ademais, unha tendencia á alza incrementando a súa cifra de viaxeiros aloxados o pasado ano nun 3,3% e o seu volume de pernoitas nun 3,6%. Así, 2016 foi o cuarto ano consecutivo no que se observou un crecemento do turismo alemán en Galicia, pasando de máis de 167.000 pernoitas en 2012 a preto de 250.000 en 2016. Esta tendencia permitiu a este segmento acadar no pasado ano niveis históricos de demanda.

No que se refire ao mercado alemán no ámbito do Camiño de Santiago, o ano pasado foi tamén o segundo en orde de importancia dentro do segmento internacional, só por detrás de Italia. Superou os 21.000 peregrinos, cun volume total de máis dun 7% sobre o total de peregrinos que recolleron a Compostela en 2016.

8 de marzo de 2017 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.