publicidade hoxe

Seis concellos da Rede de Dinamización acollen as propostas para esta semana no ‘FalaRedes’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal PortadaOurenseRedondelaRibadaviaVerínVilalba
A-
A+

Seis dos máis de 180 concellos que integran a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia acollerán durante esta fin de semana as actividades do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Desde mañá e ata o domingo, ‘A galiña azul’, de Ubú Teatro baixo xestión da Editorial Galaxia, e ‘Tic, Tac, Toc’, de Pablo Díaz, chegarán a Redondela, Ames, Ribadavia, Ourense, Verín e Vilalba.

No caso de Redondela, a cita coa peza coa que o ‘FalaRedes’ homenaxea a Carlos Casares no ano no que a Real Academia Galega lle dedica as Letras Galegas, será ás 18:00 horas no Auditorio da Xunqueira. O sábado, tamén ás 18:00 horas, poderase gozar no Auditorio Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames) e, xa o domingo, a primeira parada en Ourense será ás 12:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura de Ribadavia e a segunda, ás 17:00 horas, na Sala Azul do Auditorio Municipal da cidade das Burgas.

O espectáculo é unha adaptación do célebre libro de Carlos Casares e está pensado para un público entre os 6 e os 10 anos. A peza teatral preserva os valores que tanto defendeu o seu autor: a diversidade lingüística, a importancia das diferenzas ou a liberdade de expresión. A compañía responsable da adaptación, Ubú Teatro, emprega diferentes técnicas, como a narración oral, o uso de monicreques ou o clown.

Tamén desde o sábado Pablo Díaz, unha das figuras máis recoñecidas da música infantil galega, e a súa banda levarán as músicas do ‘Tic Tac Toc’ en directo a Verín e a Vilalba. No primeiro dos municipios o concerto será o propio sábado, ás 18:00 horas, no Auditorio Municipal; mentres que o domingo emprazará a toda a xente miúda vilalbesa ata os sete anos, ás 18:30 horas, no Auditorio Municipal Carmen Estévez.

Na súa xira polo ‘Falaredes 2017’ está acompañado á guitarra por Diego Barral e por Álex Fuente, que se encargará do acordeón. ‘Tic Tac Toc’ busca a transmisión afectiva da lingua a través da música da man de Díaz, que conta con experiencia contrastada xa que moitas das súas cancións son xa himnos para a cativada que descobre o mundo de imaxinación, onde a música tamén é un camiño cara a felicidade.

‘FalaRedes 2017’

A sexta edición do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do ‘FalaRedes’ percorrerán os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no FalaRedes, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

30 de marzo de 2017 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.