publicidade hoxe

Sanidade destaca a conciencia solidaria a prol da doazón de sangue do grupo PSA e os seus profesionais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou esta mañá as instalacións do Grupo PSA en Vigo, co gallo da primeira das campañas anuais de doazón de sangue que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) desenvolve na empresa viguesa. Vázquez Almuiña, que estivo acompañado nesta visita polo director do Centro de Vigo do Grupo PSA, Frédéric Puech, quixo, nesta oportunidade, salientar novamente a conciencia solidaria a prol da doazón amosada polo Grupo PSA, tanto pola súa dirección como polos distintos departamentos que integran a factoría de Vigo e polos seus profesionais, que teñen realizado máis de 57.000 doazóns dende hai máis de dúas décadas.

O Grupo PSA é a empresa española con maior número de doazóns de sangue, acumulando 57.664 doazóns dende o ano 1995, data da posta en funcionamento das campañas de doazón de sangue promovidas dende a Consellería de Sanidade.

Vázquez Almuiña salientou o decidido compromiso do Grupo PSA coa sociedade galega, especialmente no eido sanitario ao promover estas campañas en colaboración con ADOS que permiten fomentar o xeneroso xesto da doazón de sangue e que os traballadores e traballadoras teñan a facilidade de doar sangue dentro da súa xornada laboral.

Visita ás instalacións

O conselleiro de Sanidade realizou, xunto co director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Jorge Aboal Viñas, a directora de ADOS, Marisa López García, e varias autoridades sanitarias, un percorrido guiado polos talleres de ferraxe e montaxe do Grupo PSA, e efectuou unha visita ao servizo médico da planta que ten un papel fundamental na organización das campañas de doazón de sangue en colaboración con ADOS.

Así mesmo, Vázquez Almuiña puido saudar aos profesionais do Grupo PSA e da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue que, nas xornadas do 22 e 23 de marzo, están a realizar a primeira das campañas de doazón de sangue anuais que se desenvolven na factoría de Vigo.

Na conclusión da visita, Vázquez Almuiña, quen asinou no libro de honra do Grupo PSA, tivo verbas de recoñecemento para todos os integrantes desta empresa, salientando a manifesta colaboración brindada ao longo de máis de 20 anos e convidou a todos os seus profesionais a seguir participando activamente nas campañas de doazón de sangue.

22 de marzo de 2017 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.