publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Rueda presenta no Senado as achegas aprobadas no Parlamento galego para o pacto estatal contra a violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Intervención de Alfonso Rueda no Senado

Intervención de Alfonso Rueda no Senado

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe no Senado as achegas aprobadas a pasada semana no Parlamento de Galicia por unanimidade de todos os grupos políticos, para o Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Alfonso Rueda participou esta mañá na Comisión Xeral das CC.AA no Senado para dar conta do acordo sobre o Pacto de Estado, xunto ao resto das comunidades autónomas, nunha reunión na que tamén participou a ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Dolors Montserrat.

Alfonso Rueda, na súa comparecencia, fixo especial fincapé na importancia do feito de que na reunión de hoxe estean tanto os representantes do Goberno central como de todas as autonomías, abordando a cuestión da violencia de xénero e como poñerlle freo, xa que como asunto de Estado afecta á sociedade na súa totalidade. Polo que previr e poñer fin á violencia exercida contra as mulleres debe ser un obxectivo prioritario para todas as Administracións que conforman a nosa sociedade.

O vicepresidente presentou o documento de consenso, aprobado no Parlamento galego que representa o sentir de todos os galegos, onde a unidade e o consenso son fundamentais e imprescindibles para poder ter éxito na loita contra esta lacra social. O goberno galego, en primeiro lugar avoga por unha modificación da Lei Orgánica, na liña do que xa prescribe a lei galega, como a ampliación de violencia de xénero a toda violencia do home sobre a muller, incluíndo a violencia sexual e trata; e ampliando as formas de acreditación da condición de vítima.

Considérase fundamental incidir na prevención e a detección precoz, impulsando programas nesta liña entre os servizos sanitarios de atención primaria e os servizos sociais. Ademais, de incrementar e mellorar as axudas aos menores, con máis axudas que a pensión de orfandade; ampliando a atención psicolóxica; privando ao agresor de ter a patria potestade e prohibíndolle a garda e custodia dos seus fillos, entre outras cuestións.

Outro dos eixos que desde Galicia se presentou hoxe xira en torno á formación e a educación. Por iso, solicitouse a introdución na escola de contidos obrigatorios de educación afectivo- sexual, igualdade e violencia, do mesmo xeito que en Galicia xa se puxo en marcha unha materia de libre configuración sobre este tema. Na mesma liña, avogou por desenvolver protocolos de detección de violencias machistas nos institutos e que esta cuestión se teña en conta para o futuro Pacto pola Educación.

Mellora e incremento dos recursos

O goberno galego considera que hai que seguir actuando e dando pasos para ofrecer a mellor resposta ás vítimas, mellorando os medios e recursos da xustiza e a seguridade, polo que Galicia propuxo hoxe, entre outras medidas, que só sexa un único profesional de referencia para as vítimas en todo o proceso coa Administración; a comarcalización do servizo dos xulgados específicos de violencia de xénero; maior concienciación a toda a sociedade, incluíndo os medios de comunicación que fagan un tratamento adecuado das noticias sobre violencia e o fomento do movemento asociativo.

Por último, Alfonso Rueda indicou que para loitar contra a violencia de xénero son necesarios incrementar e fortalecer recursos, como garantir o acceso inmediato a vivendas de protección pública a mulleres vítimas e aos seus fillos con recursos escasos; deseñar programas que favorezan a inserción laboral das mulleres vítimas; incrementar os recursos económicos para a prevención e asistencia; e mellorar o procedemento de axudas económicas, no que Galicia está á cabeza do Estado.

9 de marzo de 2017 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.