publicidade hoxe

Reafírmase o apoio da Xunta ao programa experimental de mediación penal de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
A directora xeral de Xustiza na visita ao Ciarcus

A directora xeral de Xustiza na visita ao Ciarcus

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, reafirmou hoxe a aposta do Goberno galego polos mecanismos de mediación intraxudicial e, en concreto, polo programa experimental de mediación penal que se está a desenvolver en Santiago de Compostela.

Así o indicou hoxe durante a súa visita ao Centro integral de análise e resolución de conflitos da Universidade de Santiago (Ciarcus). Este centro, creado en 2013, ten como obxectivo traballar para obter unha solución dialogada e consensuada a través da mediación.

En 2015 asinouse un convenio de colaboración entre a Vicepresidencia, o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio Fiscal, o Colexio de Avogados de Santiago e a Universidade de Santiago (a través do Ciarcus) para a posta en marcha dun programa experimental de mediación no ámbito penal na capital galega, un proxecto que se levou á práctica en 2016.

Con este tipo de mediación, ofrécese unha resposta idónea á vítima, que participa activamente na solución para obter a reparación máis adecuada aos danos materiais e morais sufridos. Entre as vantaxes que presenta a mediación no ámbito penal, cómpre salientar a importancia que adquire a vítima na resolución do conflito, que ten a oportunidade de escoitar ao infractor, así como a capacidade deste para responsabilizarse das súas consecuencias e resocializarse.

Cabe lembrar que, para conseguir estes obxectivos, fai falla partir da voluntariedade das partes, e do labor fundamental que desempeña o mediador, creando as condicións necesarias para que se produza ese diálogo entre vítima e infractor para alcanzar un acordo, garantindo a efectiva protección da vítima.

Segundo os últimos datos dispoñibles, máis dun terzo dos asuntos derivados polos xulgados de instrución de Santiago á mediación penal remataron con acordo de todas as partes implicadas, con todas as vantaxes que iso supón a nivel procesual e persoal.

Xa para rematar, o director xeral lembrou que a mediación intraxudicial en xeral tense constituído nos últimos anos como unha canle fundamental de resolución de conflitos. Por iso, a Xunta mantén unha firma aposta por estes mecanismos desde 2009, cando comezou un proxecto piloto de mediación intraxudicial no ámbito de familia no partido xudicial de Santiago, que logo se foi estendendo a outros partidos xudiciais.

O sistema, no que o Goberno galego investiu máis de 1 millón de euros desde 2009, está actualmente operativo en todas as cidades galegas. Ademais, e como proba do éxito deste instrumento, as derivacións á mediación familiar realizadas polos xulgados non pararon de incrementarse ano a ano.

27 de marzo de 2017 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.