publicidade hoxe

Política Social investiu 711.000 euros en distintas actuacións e servizos prestados na residencia pública de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonforte de Lemos
A-
A+
O delegado territorial da Xunta en Lugo na visita ao centro de Monforte

O delegado territorial da Xunta en Lugo na visita ao centro de Monforte

A Consellería de Política Social investiu no último ano máis de 711.000 euros na residencia de persoas maiores que xestiona en Monforte, un centro que oferta 42 prazas para persoas autónomas das que, na actualidade, 38 están ocupadas e catro vacantes. Nel desempeñan o seu traballo 25 profesionais.

Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta na provincia de Lugo, José Manuel Balseiro, no transcurso dunha visita na que destacou a oferta de servizos deste centro, que se completa, ademais das atencións propias aos residentes, con iniciativas de envellecemento activo e saudable para loitar contra o posible deterioro físico ou cognitivo asociado á idade

Desagregadas as distintas partidas, o investimento do Goberno galego dirixido a obras e equipamento desta residencia superou os 61.300 euros, aos que hai que engadir 4.673,82 euros noutras actividades, como actuacións musicais, ximnasia, obradoiros de teatro,cociña, folclore e memoria, baile e charlas educativas. Finalmente os gastos de persoal superaron os 645.000 euros.

Entre as melloras executadas están a reforma e adaptación de baños mellorando a accesibilidade, pintado de habitacións, substitución de pulsadores nas habitacións, e arranxo do chan dos baños e no sistema de calefacción.

Nova dirección

O delegado territorial aproveitou tamén a súa visita para dar conta do nomeamento do novo director da residencia de maiores, Isaac Díaz Somoza, que se incorporou hoxe ao centro. Veciño de Monforte e enfermeiro de profesión, dispón tamén do título de axudante técnico sanitario e dunha licenciatura en xornalismo. O novo responsable conta cunha ampla experiencia profesional no ámbito da saúde e na atención ás persoas así como formación específica en materia de xestión.

Balseiro puxo en valor o traballo desenvolvido polos profesionais do centro e animou a todo o cadro persoal, baixo o liderado do novo equipo directivo, a seguir prestando unha atención de calidade que garanta o benestar dos usuarios.

14 de marzo de 2017 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.