publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Patrimonio incoa o procedemento para declarar BIC o Castro de Fazouro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLocal PortadaLugoPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, acaba de incoar o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de xacemento arqueolóxico, o Castro de Fazouro, en Foz. Deste xeito, o ben contará de forma inmediata e provisional co réxime de protección que establece a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia para os BIC e para esta categoría en particular. A maiores, e tal e como figura na resolución publicada hoxe no DOG, o expediente deberá resolverse no prazo máximo de 24 meses.

Segundo os informes previos elaborados sobre o castro, este xacemento ten un indubidable valor histórico e arqueolóxico de carácter sobranceiro, dado que se trata dun xacemento costeiro asentado nunha pequena península que penetra no mar ao carón dunha zona acantilada que presenta escavado parte dun poboado castrexo, con estruturas visibles e musealizadas.

As escavacións das que foi obxecto deron como resultado a obtención de moita información sobre os modos de vida dos seus habitantes na época romanizada, e grazas a elas púidose encadrar entre os séculos I e III d.C., sendo esta etapa a de máis ocupación e a de maior grao de romanización. Por tanto, e tendo en conta os valores deste castro, Patrimonio propón a súa declaración singular como xacemento arqueolóxico, por estimala a figura máis acaída para o seu réxime de protección.

Único escavado e musealizado na zona

O Castro de Fazouro atópase na costa lucense, no lugar de Punta do Castro da parroquia de Santiago de Fazouro, a uns poucos quilómetros da vila de Foz. Este poboado costeiro é o único escavado e musealizado na costa cantábrica galega, e neste senso é un referente para o coñecemento e a difusión dos valores culturais da época castrexa.

Existen outros xacementos das súas características, xa que nas súas proximidades están os castros de Marzán, Devesa, Vilaselán, Rueta e Burela de morfoloxía e características semellantes a Fazouro, pero non co seu grado de coñecemento e posta en valor. Todos eles están situados en istmos de suave relevo e basean as súas defensas en parapetos, murallas e foxos na franxa que une o istmo a terra. A súa orografía contrasta coa doutros castros costeiros máis occidentais, nos que o terreo é máis abrupto e montañoso, como é o caso de Espasante ou Baroña.

Outro dos elementos comúns aos castros cantábricos é o seu forte grao de romanización, ao tratarse de asentamentos cun alto nivel de ocupación entre os séculos I e III d.C., e que amosan restos que os asocian a explotacións metalúrxicas. Outro elemento característico é o material empregado na súa construción: as laxas de lousa, en contraste co granito empregado na franxa atlántica. En todo caso, todos os pormenores da resolución e características do xacemento poden consultarse no seguinte enlace web https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170308/AnuncioG0164-230217-0001_gl.html.

Reforzo cultural e turístico da igrexa de San Martiño

Por outro lado, o DOG tamén publica hoxe a licitación do contrato de obras de adecuación da casa reitoral de San Martiño de Mondoñedo, que se converterá nun Centro de Interpretación. En concreto, o investimento ascende a 102.826,30 euros e o prazo de execución será de tres meses. Os detalles poden consultarse no seguinte enlace web https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170308/AnuncioG0164-020317-0009_gl.html.

A adaptación destes espazos enmárcase no acordo de colaboración asinado o ano pasado pola Consellería, o Concello de Foz e a diocese de Mondoñedo-Ferrol, no cal se recolle tanto a adecuación da reitoral como a posta en marcha dun proxecto museográfico do Centro de Interpretación na igrexa de San Martiño de Mondoñedo. Unha iniciativa, cuxo investimento no seu conxunto superará os 200.000 euros, que ten como obxectivo ampliar o coñecemento deste conxunto monumental e achegalo ao público xeral.

Cómpre destacar os valores e o senlleiro interese deste templo declarado BIC, posto que se trata da catedral católica máis antiga de España que se conserva en pé. En definitiva, esta actuación axudará a reforzar a difusión turística e cultural deste conxunto monumental.

8 de marzo de 2017 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.